Os traballos na rede deixarán a Lugo sen auga toda a noite de mañá

A capital lucense permanecerá sen auga potable desde mañá ás once da noite ata as oito da mañá do venres. A subministración cortarase para facer unha conexión de canalizacións nun dos depósitos da Piringalla e para a instalación de varias válvulas.

Nun principio, os técnicos municipais calculaban que o corte só ía implicar perda de presión de auga nas zonas máis altas da cidade e descartaban que se producise ausencia de líquido, debido aos baixos consumos que se producen pola noite, pero ao non ter garantía total de que vaia ser así, a concellaría de medio ambiente decidiu curarse en saúde e advertir á poboación de que a cidade quedará sen subministración mañá pola noite.

O corte está previsto entre as 23.00 horas do xoves e as 8.00 do venres, pero é moi probable que o servizo se restableza antes, en canto finalicen os traballos.

Estes forman parte da segunda fase de mellora do abastecemento da cidade, que inclúe varias actuacións. Unha delas é a rehabilitación de dous depósitos na Piringalla para almacenaxe de auga para a súa reutilización tras un primeiro uso e a súa posterior depuración. Desta forma, nese lugar só quedará un tanque de auga potable (15.000 metros cúbicos), ademais do depósito do Ceao (10.000) e dos dous construídos no monte de Penarrubia (os dous suman 50.000), un deles nesta última fase.

Na actualidade, a auga potable chega directamente desde Penarrubia ata o depósito do Ceao e ata o da Piringalla e o que se fará mañá será unha conexión da tubaxe de entrada neste último tanque coa canalización de saída, para que a cidade non quede sen subministración no caso de que se produza algún contratempo no depósito ou, simplemente, haxa que deixalo fóra de servizo para limpalo. Ademais, colocaranse varias válvulas para regular a presión.

Os traballos levaraos a cabo a empresa Sacyr, adxudicataria das obras da segunda fase de mellora do abastecemento a Lugo, que están case terminadas. De feito, hai uns días entraron en funcionamento unha parte das instalacións recentemente construídas, en concreto, a condución desde a nova potabilizadora ata O Ceao, co cal a vella planta deixou de bombear tras case dúas décadas.

Comentarios