Os técnicos municipais revisarán a seguridade da pasarela de Montero Ríos

Os técnicos do servizo municipal de infraestruturas revisarán nos próximos días a pasarela metálica da Rúa Montero Ríos, á altura da Rolda dá Muralla, para comprobar que reúne condicións de seguridade.

Á vista, o estado do paso é moi precario, xa que está totalmente oxidado e roto nalgúns puntos, ata o punto de que hai cidadáns que evitan camiñar sobre el. No inverno, o risco é aínda máis evidente, xa que coa choiva e o xeo, a pasarela vólvese moi esvaradía.

A estrutura metálica foi colocada de forma provisional, por mor da construción do edificio en cuxo baixo funciona hoxe o hipermercado Carrefour. Ao realizar esa intervención, quedou un desnivel importante na zona e colocouse unha plataforma para salvalo. Se a revisión pon de manifesto que a pasarela non é segura, levarán a cabo as medidas necesarias para garantila, afirmou a concelleira de infraestruturas, Paz Abraira.

A edil explicou que a solución definitiva a ese paso deberá abordarse dentro do desenvolvemento urbanístico do polígono contiguo, de iniciativa privada, dentro do Pepri. Abraira recordou que durante este mandato hai que revisar o plan e fixar prazos para o desenvolvemento dos polígonos. «Agora o Concello non ten maneira de facer que se executen as unidades de actuación e temos unha cidade a cachos», afirma.

Comentarios