Os sindicatos din que Correos deixa cada día case 2.000 envíos sen repartir

Concentración ayer de personal de Correos ante el servicio de cartería en la Rúa Xoán Montes. ep
photo_camera Concentración ayer de personal de Correos ante el servicio de cartería en la Rúa Xoán Montes. ep

Entre 1.500 e 2.000 envíos quedan sen repartir cada día na capital lucense debido ao aumento de carga de traballo que teñen que soportar os carteiros pola redución de persoal en Correos, segundo aseguraron onte portavoces de CC.OO., CIG, Csif e Sindicato Libre. Isto supón que os usuarios reciban a correspondencia con 24 horas de demora.

Estes catro sindicatos celebran cada mañá, desde principios deste mes e ata o próximo 31 de xaneiro, unha concentración de 9.40 a 10.00 horas ante a oficina que a compañía postal ten na Rúa Xoán Montes para protestar polo recorte de persoal.

CC.OO., CIG, Csif e Sindicato Libre reclaman á empresa que, unha vez realizado o estudo sobre as cargas de traballo que ten cada carteiro en Lugo, «estas sexan equilibradas e acordes á xornada laboral, xa que algunhas seccións de reparto quedaron sobredimensionadas e non se dan feito dentro da xornada establecida, de aí que queden envíos pendentes».

Estas centrais sindicais recordaron que o ano pasado amortizáronse 35 postos de traballo en Correos en toda a provincia e outros dez desaparecerán na capital lucense durante este mes.

Ademais, considera insuficiente o número de carteiros que se encargan da repartición en Lugo, 47. A cada un correspóndelle uns 800 envíos diarios. Outros catro carteiros terán a partir deste mes o labor de cubrir baixas e vacacións. Esta medida suporá, ao seu xuízo, unha diminución nas contratacións.

Mentres se está producindo un recorte do persoal, segundo advirten estes catro sindicatos, aumentou a poboación na capital lucense en case 10.000 habitantes, hai 68 rúas novas, un centro comercial e en breve un novo parque empresarial.

Estes atrasos na repartición está a darse tamén no resto da provincia. Neste caso non se debe só á redución de persoal, senón tamén ao cambio de horario da quenda de noite no pavillón postal de Lugo, onde teñen menos tempo para clasificar a correspondencia e que esta salga para ser distribuída.

CC.OO., CIG, CSI-F e Sindicato Libre, que denuncian tamén o aumento de carga de traballo dos carteiros rurais, que nalgúns casos duplican os quilómetros que percorren e non os cobran todos, fan un chamamento aos usuarios para que presenten queixas.

Comentarios