A parte traseira do Círculo estará rehabilitada no verán do 2009

A conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, anunciou este luns que a Xunta destinará unha partida de 475.000 euros en recuperar unha escaleira orixinal da muralla de Lugo e en remodelar o espazo entre esta construción románica e o Círculo das Artes.

Este investimento, que se canalizará a través dun convenio rubricado hoxe, permitirá recuperar as escaleiras romanas de acceso ao interior do adarve, eliminar a terraza do Círculo das Artes pegada ao lenzo interior e reconstruír a fachada sur da sociedade proxectada no século XIX.

Tras a firma, o presidente do Círculo, Jesús López-Domínguez, anunciou que iniciará o proceso de licitación co fin de adxudicar a obra en tres meses. A actuación conta cun prazo de execución de seis meses, polo que Cultura confía en que estea concluída no primeiro semestre de 2009.

Pola súa banda, Anxela Bugallo precisou que este convenio persegue un "dobre obxectivo", por unha banda "recuperar a visión orixinal da muralla" e, por outro, "reformar un dos edificios singulares da cidade".

O edificio que alberga o Círculo das Artes que se sitúa entre a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, foi proxectado por Luís Bellido en 1895 e construído por José Vila Veral entre ese ano e 1898. Nos anos 40 realizouse unha ampliación na que se eliminou a galería que Bellido deseñou para a fachada sur.

Esta ampliación incluíu, ademais, unhas escaleiras de corte imperial e unha plataforma de formigón, que ten forma de terraza e alcanza un dos lenzos da Muralla á vez que oculta unha escaleira orixinal romana de acceso interior ao monumento, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000.

Comentarios