As mates máis divertidas

Charla sobre internet en Paradai (Foto. AEP)
photo_camera Charla sobre internet en Paradai (Foto. AEP)

As matemáticas non teñen por que ser a materia óso do ensino. É máis, poden ser divertidas. Onte mesmo, 352 nenos e mozos de distintos colexios e institutos de Lugo tiveron oportunidade de descubrir a cara lúdica das matemáticas. Foi no certame Matemáticas na Rúa, organizado polo Concello en colaboración co profesor do IES de Guitiriz Víctor Pollán.

Os alumnos participantes -de quinto e sexto de primaria e Iso- chegaron á casa consistorial ás dez e media da mañá e cada equipo colleu a súa ruta, que seguiu a través dun plano. Vinte e catro mesas con distintos xogos matemáticos -incluída unha de xadrez- repartíanse polas rúas máis céntricas e o adarve da muralla.

Cada equipo saía dun punto dos catro percorridos dispoñibles e tiña que sumar catro para saber cal sería a mesa seguinte para visitar. Sudokus, tangrams, xogos con calculadoras estragadas, pezas cúbicas para facer plantas, perfís e alzados, lecturas matemáticas, xogos de observación de figuras xeométricas na praza, cálculo de capacidades, lonxitudes e áreas ou simetrías con espellos foron algúns dos xogos nos que participaron os rapaces.

«Adaptamos as probas aos coñecementos dos nenos. Por exemplo, aos de Primaria preguntámoslles canto mide o ancho dos soportais do Concello; aos de primeiro e segundo de ESO, cal é a superficie do van da entrada (que forma un rectángulo e un semicírculo) e aos de terceiro e cuarto, canto volume de aire entraría nos soportais. Tamén fixemos unha busca de corpos xeométricos na rúa. Por exemplo, o palco da música da Praza Maior é un octógono», explica Víctor Pollán.

A actividade, que durou ata a unha e media, premiaría aos equipos que obtivesen unha maior puntuación en todas as probas.

Pola tarde, de cinco a sete, os rapaces asistiron a unha sesión de matemáticas divertidas no auditorio, a cargo de Manuel Pazos. Tras o espectáculo, entregáronse os premios, que recaeron no colexio Anexa (en Primaria); o IES Sanxillao, Moncho Valcarce (As Pontes) e Marqués de Sargadelos (Cervo), en 1º e 2º diso, e Sanxillao, Leiras Pulpeiro e San Rosendo (Mondoñedo), en 3º e 4º diso.

Campaña Farmacia Solidaria prol Unicef

O Colexio de Farmacéuticos leva a cabo a campaña Farmacia Solidaria co fin de facilitar que as boticas lucenses colaboren na venda de produtos Unicef. Os fondos serán destinados a programas desta ONG.

Foro tecnolóxico de novos empresarios

A sede do CEI-Nodus acolleu onte un foro de novos empresarios, no que a edil Sonia Méndez presentou o curso de novas tecnoloxías para empresarios e recordou os plans de apoio á industria.

Charla sobre internet en Paradai

O Ceip Paradai acolleu unha conferencia sobre os perigos de internet a cargo do subinspector da Policía Nacional, Enrique Giménez Escribano. A charla foi dirixida ao alumnado do terceiro ciclo de educación primaria.

Comentarios