A Universidade da vida

Agustín García Pinal (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Agustín García Pinal (Foto: Xesús Ponte)

SON dos que cren que a aprendizaxe máis importante dánnola as experiencias vitais e, sobre todo, as persoas coas que nos cruzamos. E para os que estudamos na Politécnica do Campus de Lugo, Agus, Balbi, Pepe e Lucha son parte da vida na Universidade pero, máis importante aínda, da Universidade da vida: a súa cafetería, que só era un negocio familiar, converteuse na nosa segunda casa.

Agus é un mestre manexando un recurso tan limitado como o tempo. Demostroume que hai tempo para todo porque, ademais de para comentar a prensa mentres me preparaba o café nas súas xornadas laborais interminables, sempre quedaba un oco para os amigos, para botar un pádel comigo, para arbitrar partidos de xuvenís e para colaborar cos rapaces do equipo da Residencia.

Nunha sociedade onde cada vez facemos máis cousas e temos menos tempo para elas, valoro especialmente a xente como el, que sempre se preocupa por axudar aos centenares de persoas que pasamos polo seu establecemento.

Comentarios