A última fronteira do instituto

ELP1206P8F3.JPG
photo_camera ELP1206P8F3.JPG

O verán é anuncio de vacacións e, no caso dos alumnos de último ano de bacharelato, de nervios de selectividade. A primeira sesión das Probas de Acceso á Universidade (Pau), convocou onte en Lugo a case un milleiro de estudantes, repartidos entre as facultades de Humanidades e Administración de Empresas do campus da capital (402 e 393, respectivamente) e a comisión delegada de Viveiro (198).

Un total de 993 matriculados que empeoran as cifras rexistradas o curso pasado, cando concorreron aos exames 1.138 alumnos nas tres delegacións. Os datos atopan na capital o seu principal punto de caída, dado que fronte aos 795 inscritos do curso de 2014 oponse os 928 de 2013 e incluso aos 896 de 2012.

Os exames de lingua castelá, lingua galega e historia ou filosofía, segundo a opción escollida, oficiaron a apertura dunhas probas ás que, pola tarde, seguiron o test de idiomas: inglés, francés e portugués.

De entre os mozos matriculados nos centros do campus lucense, tan só dous rexeitaron concursar na Pau, ambos sen alegar motivo algún. «A xornada transcorreu sen incidencias, á parte dos nervios habituais», resume Julio Seijas, secretario da comisión delegada da facultade de Administración de Empresas. «Hai alumnos que se xogan moito porque dependen de notas de corte moi altas para escoller a carreira que desexan; algúns deles preséntanse só á fase específica para subir nota», di.

As conversacións aceleradas, os chascarrillos tensos ás portas da aula, os resoplidos ou os sempiternos repasos a última hora son varios dos síntomas que poden apreciarse nos corredores destas facultades. «O primeiro de castelán saíume peor polos nervios, pero o resto espero que estea ben», confirma Saúl Veiga, a quen a Xeración do 27 pillou a contrapé.

Neste sentido, David Expósito defende que amornar os nervios é o segredo para derrotar á Pau. Meu dito meu feito. Tras superar sen problemas a pregunta sobre a situación do galego entre 1936 e 1975 e desentrañar o pensamento de David Hume, Expósito ve cerca os 8,5 puntos de nota de corte que necesita para cursar Enxeñería informática na USC.

En cambio, por mor das súas orixes suramericanas, para Angie Espinosa o problema foi abordar precisamente estas preguntas de lingua galega, formuladas a partir dun poema de Luz Pozo Garza ou dun artigo sobre ecoloxía. No entanto, confía no seu bo labor no resto de exames, froito de todo un ano de intenso traballo, e afrontará con seguridade as probas de bioloxía e química que lle agardan hoxe.

«De primeiras, teño que aprobar, logo en función da nota xa verei que podo elixir», comenta Eva Legaspi para exemplificar o decisivo papel que a nota de corte desempeña no futuro dos mozos. «Así un non leva chascos», razoa con certa resignación. A pesar de que no exame de galego caeu xusto o que ela esperaba, en Historia tivo que decantarse polo mal menor: a Guerra Civil fronte ao intervencionismo militar ao longo da Historia de España.

Comentarios