O Concello converterá a Rúa Castelao en unidireccional a partir do próximo luns ante o risco de esborralle do edificio número 23 da rúa, que obriga a ampliar o perímetro valado que xa se estableceu hai anos diante da fachada.
A vía quedará cortada desde primeira hora do luns en sentido descendente, entre a Rolda da Muralla e a intersección coa Rúa Escalinata da Estación, aínda que o tramo restante ata Miguel de Cervantes seguirá sendo de dobre sentido, segundo explicou onte o concelleiro de urbanismo, Luis Álvarez, quen confirmou que o corte do carril será temporal, mentres se executan os traballos para asegurar o edificio, que se calcula que durarán dous meses.