A oposición de Lugo denuncia que seguen os atrasos nas facturas e a contaminación no Rato

Imagen facilitada por el BNG de la visita al encauzamiento en la Rúa Fisterra
photo_camera Imagen facilitada por el BNG de la visita al encauzamiento en la Rúa Fisterra

Os atrasos nas facturas e a contaminación no río Rato volveron a ser este venres os eixos da actividade da oposición ao PSOE no Concello de Lugo. Así, mentres o PP asegurou que o goberno local ten sen revisar e sen pagar 400 facturas "dende hai máis dun ano de media", o BNG demandou a intervención do Concello e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para solucionar os problemas de contaminación do río Rato.

O concelleiro popular Juan Carlos Plaza sinalou en rolda de prensa que o Concello de Lugo ten sen revisar e sen pagar 401 facturas que levan máis de tres meses inscritas no Rexistro Municipal de Facturas e que acumulan xa de promedio 13 meses de atraso. Esas débedas suman 1,4 millóns de euros.

Isto, segundo o edil popular, evidencia "o progresivo e evidente" deterioro da situación económica municipal.

Plaza detallou que hai unha ducia de facturas que levan xa máis de dous anos rexistradas "sen recibir sequera unha primeira supervisión". Entre os pagos pendentes figuran, sinalou, sacos de cemento, plastilina, colocación de vidros, impresión de planos, actuacións do San Froilán ou certificacións de obra. "Por deber, deben ata a cota anual á Fegamp [Federación Galega de Municipios e Provincias] de 2013", aseverou.

O BNG denunciou outra vez os problemas que sofren as persoas residentes nas inmediacións do río Rato na zona de Albeiros. A concelleira Paz Abraira sinalou que a xente que vive nesta zona soporta diariamente "cheiros, ratas, insectos e contaminación" nas proximidades da canle. Este nivel de contaminación é "perfectamente visible desde a propia beira da Rúa Fisterra".

Os nacionalistas xa teñen pedido varias veces que se adopten medidas, tanto para determinar as causas da contaminación como para eliminar os problemas. Para Abraira, "o deficiente mantemento dos pozos de tormenta e a construción defectuosa do encanamento do Rato provocan esta situación a pesares do investimento millonario que se fixo nestas obras".

Comentarios