A muralla viste de rosa

A Mosqueira. EP
photo_camera A Mosqueira. EP

A instalación do gran lazo rosa que lucirá a muralla mañá en todo o seu perímetro comeza hoxe e prolongarase ao longo de todo o día. Con esta iniciativa, promovida por El Progreso, quérese sensibilizar aos lucenses sobre o cancro de mama, que celebra mañá o seu día mundial. á vez, servirá como unha forma de promocionar a propia muralla, que cumpre este ano o seu décimo aniversario como Patrimonio da Humanidade.

Para a colocación do enorme lazo rosa que lucirá a muralla en todo o seu perímetro utilizaranse 5.000 metros de arame e 2.800 de plástico rosa. Os traballos comezarán esta mañá, coa colaboración das principais asociacións de Lugo e de numerosos colectivos que quixeron sumarse á iniciativa, aberta ademais á participación de todos os cidadáns que o desexen.

Os voluntarios daranse cita hoxe, ás 10.00 horas, diante do Concello. Alí, repartiranse en 14 grupos que se distribuirán polo adarve do monumento, un grupo cada 200 metros. Todos estarán coordinados polo equipo de Protección Civil do Concello, dirixido por Enrique Fernández Fraga.

ESTRUTURA

O primeiro que se fará será crear unha estrutura de arame que abarque todo o monumento, incluídos os cubos, que se deseñou pensando en que non sexa agresiva para a muralla e que conta cos correspondentes permisos da área de Patrimonio da Consellería de Cultura, responsable da conservación do monumento.

As persoas interesadas en colaborar poden acudir á cita das 10.00 horas fronte ao Concello ou ir ao longo do día ao adarve e sumarse a un dos grupos de traballo. Será necesario que levan un alicate, unhas tesoiras, un rotulador e unha pequena taladradora de papel.

Un lazo especial para A Mosqueira

O acto oficial desta iniciativa, no que participarán todos os patrocinadores, será o martes, ás 12.30 horas, na Mosqueira. Para a ocasión, izarase neste cubo tan especial do monumento unha gran lazada rosa. Neste acto intervedrán a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, e a presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Lugo, Concepción Martín Varela.

Ademais, instalarase un lazo máis pequeno na porta de Bispo Aguirre, que será iluminado con luz rosa e xunto ao que, ás 19.30 horas, lerase o manifesto co que se pecharán todos os actos con motivo do día mundial contra o cancro de mama.

Ademais, ás 17.00 horas, en Caixa Galicia, está prevista unha conferencia sobre esta enfermidade a cargo de Salvador Ramos Rei, médico nutricionista.

Comentarios