A manifestación polos servizos do Hula gaña apoios

Manifestación del pasado 23 de mayo. Foto: PEPE TEJERO
photo_camera Manifestación del pasado 23 de mayo. Foto: PEPE TEJERO

A manifestación convocada para este xoves en Lugo en demanda dos servizos de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia para o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) vai gañando apoios a medida que pasan as horas.

Así, este martes anunciaron a súa solidariedade e presenza na mobilización entidades como o Colexio Provincial de Avogados, que considera que eses servizos "resultan necesarios e imprescindibles en Lugo". Tamén expresou o seu apoio e presencia o grupo de Lugo de UpyD, aínda que o partido matizou que o seu apoio “estará cos cidadáns, non coas institucións”.

A protesta está convocada pola Federación Veciñal Lucus Augusti e o grupo Abre a Muralla, que contan co respaldo de máis de 200 colectivos, entre sindicatos, colexios profesionais, asociacións de enfermos, a Federación Galega de Comercio…

A marcha partirá ás 20.30 do día 26 da Horta do Seminario.

Os promotores recalcaron este mesmo martes que a ausencia destes servizos no Hula fai que se teñan que desprazar anualmente á Coruña máis de mil enfermos, "co custo económico que isto supón e, o que é máis importante, o risco para a saúde dos enfermos".

A mobilización chega no medio da batalla política respecto da actitude do PP. Este martes, no pleno da Deputación, PSOE e BNG solicitaron aos populares que retirasen as súas emendas á ILP (iniciativa lexislativa popular) para dotar destes servizos o Hula. En resposta, o PP atacou o "oportunismo político" dos outros dous grupos.

Comentarios