A xunta electoral desestima o recurso de Orozco e Lara Méndez por unha multa

A xunta electoral provincial de Lugo desestimou o recurso que interpuxeron o alcalde da cidade e a vicepresidenta da Deputación, José López Orozco e Lara Méndez, contra a resolución que os condena a pagar a cada un unha sanción de 200 euros por incumprir a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg).

Esa resolución produciuse por mor da denuncia presentada polo PP, cuxos representantes apreciaron unha clara vulneración da Loreg na visita que realizaron os dous políticos socialistas hai uns días á Praza do Cantiño, con motivo do inicio das obras de remodelación dese espazo. Tanto o Concello como a Deputación indicaron que a súa visita tiña «carácter técnico» co fin de inspeccionar o desenvolvemento dos traballos. Con todo, no acordo remitido ás partes, a xunta electoral sostén que da «propia información xornalística» despréndese «un protagonismo ostensible das autoridades», con declaracións «aos medios convocados». Nese sentido, subliña que «non cabe alegar o carácter ordinario do acto, pois esa publicidade prívao do seu carácter ordinario».

O alcalde de Lugo confirmou que volverá recorrer a resolución. López Orozco mostrouse partidario de recorrer «ata a última instancia» e mantén que en ningún caso foron á zona do Cantiño «a facer un acto electoral», porque só quixeron «aproveitar os medios para que os veciños soubesen que a circulación pola praza quedaba interrompida». O rexedor acudirá, en primeira instancia, á xunta electoral central.

Comentarios