A fundación Feuga lanza unha convocatoria de inverno de prácticas en empresas

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) lanza a primeira convocatoria de prácticas de inverno, composta por un total de 18 bolsas formativas en 10 empresas de Galicia. As bolsas están destinadas a estudantes das tres universidades da comunidade autónoma, coa intención de achegar os universitarios ás áreas operativas da empresa e facilitar a súa incorporación futura ao mundo laboral, segundo explicou a fundación.

Poden optar a estas bolsas os universitarios que superen polo menos o 50% dos créditos da súa titulación. O prazo de admisión de candidatos finaliza o día 7 de novembro. Os aspirantes poden atopar máis información na web da Fundación, www.feuga.es, ou nos teléfonos 981 534 180 ou 986 812 665.

A oferta iníciase con sete bolsas para alumnos de Enxeñería Técnica en Topografía, Enxeñería Técnica de Telecomunicación e Enxeñería Técnica Industrial; cinco bolsas para alumnos de Biblioteconomía e Documentación; tres para estudantes de Fisioterapia e unha bolsa para alumnos de Óptica e Optometría.

Feuga tamén convoca unha bolsa para estudantes de Comunicación Audiovisual e outra máis para alumnos de Administración e Dirección de Empresas.

A documentación para optar a estas bolsas debe incluír o formulario de solicitude debidamente cumprimentado e asinado (un por cada empresa), unha copia do expediente académico, xustificante da matrícula do curso vixente 2011-2012 e currículo persoal actualizado e breve.

Comentarios