A festa vai por barrios

ELP1903P4F1.JPG
photo_camera ELP1903P4F1.JPG

A PENA FOI o cambio de temperatura e a chegada da choiva, porque o resto marchou como a seda tanto nas celebracións do patrón das Gándaras como na feira de oportunidades organizada na Milagrosa, en ambos os casos grazas á actividade das súas respectivas asociacións veciñais.

Neste último caso, o Mercado de Oportunidades de San Xosé reuniu na peonil rúa Menorca a un bo número de veciños e visitantes que durante todo o día puideron acceder á oferta dos ao redor de corenta postos de venda que se instalaron, a maioría deles con produtos tradicionais, ben alimenticios ou ben de artesanía.

As Gándaras despide hoxe os festexos en honra ao seu patrón

Polo que respecta ás Gándaras, o barrio non para. Hoxe chegará o día do patrón, San Xosé, pero as celebracións ocuparon todo o fin de semana, e nin a choiva puido impedir onte que os veciños se botasen ao campo da feira a gozar da música -ofrecida pola orquestra Compostela tanto na sesión vermú como na verbena- e dos diferentes actos organizados por Gatos Roxos.

O barrio tivo que concentrar onte a maior parte das actividades, aínda que iso non impedirá que hoxe celebre o seu día grande en honra de San Xosé cunha misa solemne, ás 13.00 horas, e a actuación posterior no campo da festa dunha charanga.

Cea da promoción do 68 dos Maristas

Quen tamén estiveron de celebración foron unha vintena de antigos alumnos dos Maristas, da promoción do 68. A cita foi o sábado no restaurante O Cantiño, e transcorreu nos parámetros habituais neste tipo de celebracións: bo humor e moita anécdota de estudante sobre a mesa.

Acudiron á cita Jesús López Domínguez, Víctor Varela, Juan Méndez, José de Cora, José Manuel Rouco, Ramiro Álvarez, Afasto Carballeira, Luís Casanova, Manuel Castosa, Manuel Devesa, Emilio Díaz, Raúl Fariñas, Cecilio Casabella, Eduardo F. Moreiras, Manuel F. Otero, José Freire, Alberto Losada, Daniel Lugilde, Manuel Regueiro, Enrique Molejón, José Río, Luís Rodríguez e Miguel Villar.

Salonauto pecha as súas portas pendente de balance

O salón do automóbil novo que se celebrou este fin de semana no recinto feiral de Lugo botou onte o peche logo duns días nos que recibiu a un bo número de visitantes e potenciais compradores.

A organización aínda non fixo balance do resultado desta cita comercial, pero todo apuntaba a que os resultados foron bastante bos para a situación de crise na que vive o sector.

Así o facía pensar xa a afluencia de visitantes e os contactos para vendas establecidos antes do último día, segundo recoñecía o organizador do evento, José Enrique Elvira, que estaba esperanzado en que onte se pechasen definitivamente un bo número de transaccións. En calquera caso, o obxectivo de dinamizar o sector cumpriuse con fartura.

Comentarios