A creatividade ten premio

ELP0906P13F1.JPG
photo_camera ELP0906P13F1.JPG

A creatividade dá alegrías e, ás veces, tamén leva premios. É algo que constataron onte os 52 escolares distinguidos por Novacaixagalicia, que entregou os galardóns do certame Luís Seoane, convocado con motivo da exposición dedicada ao intelectual galeguista.

Os escolares premiados son os alumnos de quinto do colexio do Sacro Corazón e estudantes de terceiro dos Franciscanos. Profesores e familias arrouparon aos pequenos, que realizaron dentro do certame ‘Cen por cen Seoane', diferentes deseños e estampados, como forma de achegarse á actividade artística de Seoane.

Sinesio Pérez, responsable da obra social da entidade en Lugo, e Carmén Pérez Larrán, directora do servizo educativo, presidiron a entrega de premios, que consistiron nun lote de produtos culturais e unha camiseta cun estampado feito a partir dos seus propios deseños.

Hipócrita Teatro actúa hoxe na Mostra de Teatro de Lugo

A Mostra de Teatro Cidade de Lugo seguiu onte coa representación do ‘Reo', a cargo do grupo Parápono Teatro. O programa do certame inclúe, para hoxe, a representación de Bar ‘Varela, almorzos e cubalibres', que porá en escena, ás 20.30 no Auditorio, o grupo Hipócrita Teatro. Trátase dunha obra escrita e dirixida por Iria Acevedo , dirixida a un público adulto e que ten como escenario imaxinario un local situado entre Taboada e Chantada.

O venres seguirá o certame coa actuación de Achádego, que promete pór en escena unha obra divertida. O grupo que dirixe Tareixa Campo , preparou para o festival a obra ‘As alegres comades'.

A asociación da Milagros celebra os seus vinte anos

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, que preside Jesús Vázquez , celebra vinte anos de existencia e, con ese motivo, organiza para o día 17 unha serie de actos conmemorativos que incluirá a apertura dunha exposición sobre as actividades do colectivo recollidas na prensa e unha cea que se celebrará ás 21.30 no Manuel Manuel e que está pensada para os membros da asociación. ‘Ser milagrosista é moito' ou ‘Vinte anos non é nada', serán algúns dos lemas do aniversario.

A exposición, que ten como comisario a Luís Abel , recollerá o labor da asociación, organizadora de actividades como os Milagrosistas do Ano, a operación quilo ou a feira de produtos do campo. Recordaranse tamén as festas que se celebraban na praza do barrio ou as campañas reivindicativas.

Exhibición de elaboración de puros dunha torcedora

Os lucenses interesados na arte da elaboración de puros tiveron onte ocasión de ver en vivo e en directo no estanco de Pedro, na esquina da Rúa Tui coa Rúa Ourense, unha demostración dunha torcedora de puros chegada de Cuba. Os habanos, aos que hai moitos afeccionados, teñen un gran traballo e a súa elaboración esixe un traballo coidadoso.

Comentarios