Sanidade confirma que a fonte do Castiñeiro provocou o brote de sixelose

O delegado provincial da Consellería de Sanidade en Lugo, Miguel Ángel Rodríguez Lois, confirmou que a consellería fixo "unha analítica" das augas da fonte do Castiñeiro que corrobora que "hai unha contaminación do manancial que vertía nesa fonte", o que a fai causante do brote de sixelose que levou á hospitalización de varias persoas na cidade.

Sanidade destacou que o estado dos dez adultos e oito nenos ingresados no hospital Xeral a consecuencia de beber auga da fonte "é bo" en xeral e espera que remita o brote.

Segundo explicou Rodríguez Lois, aínda dous nenos e dous adultos permanecen en observación no centro hospitalario e manifestou que "aos poucos" irá "diminuíndo" este brote que foi detectado o pasado venres.

Os intoxicados comezaron a ingresar no hospital desde o pasado xoves, logo de beber auga supostamente en mal estado procedente da fonte, que lles provocou problemas estomacais e febre.

O delegado sinalou que a analítica confirma á fonte como culpable, pero agora corresponde localizar a orixe desa "contaminación".

Precisamente, é o Concello de Lugo o que se encarga de investigar este foco de contaminación logo de proceder ao peche da fonte.

Así, o delegado de Sanidade advertiu de que "unha vez que se detecte onde houbo a contaminación haberá que tomar as medidas oportunas e valorar se hai que manter pechada a fonte, ou ben hai que reabrila en perfectas condicións sanitarias".

Neste sentido, precisou que se trata dunha fonte "non controlada", polo que manifestou que é "máis fácil" que se produza un caso destes que pode ser atribuíble, segundo precisou, a unhas "obras ou algún tipo de vertedura facía o manancial da fonte, que pode dar lugar a que haxa esa contaminación".

Con todo, o Concello de Lugo insistiu este luns de novo na recomendación de que non se beba auga das fontes da cidade.

Comentarios