Educación confirma que o campus de Lugo impartirá Comercialización

A Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación resolveu, xunto ás tres universidades galegas, que o vindeiro ano se impartirá en Lugo o grao de Comercialización e Loxística; en Ourense, Consultoría e Xestión da Información; e, en Vigo, Comercio. Deste modo queda eliminado o solapamento de perfís da diplomatura de Empresariais detectado nestes centros, segundo informou este sábado a consellería.

Esta situación dérase a coñecer no Consello Galego de Universidades (CGU) de outubro, mentres se estaba a traballar na elaboración das propostas especializadas en ensinanzas empresariais, para transformar estas diplomaturas nos campus de Vigo, Ourense e Lugo. Isto non afectaba á Coruña, xa que para o campus da UDC aprobouse a implantación dun grao en Ciencias Empresarias, que desde setembro xa substitúe á diplomatura que se estaba impartindo ata o pasado curso.

O acordo, que xa adiantara El Progreso na súa edición impresa, significa que Vigo queda cunha titulación, Comercio, que tamén pretendía Lugo. Pola contra, o campus lugués impartirá Comercialización e Loxística.

Proceso de modificación
Segundo informou a consellería, para dar cumprimento aos novos graos, as universidades enviaron as verificacións e xustificacións de transformación do título existente xunto ao novo nome do título proposto, así como o resumo da memoria do plano de estudos.

Con esta proposta, as titulacións que foron transformadas deseñaron unha oferta acorde coas necesidades actuais do sistema galego de universidades (SUG), ao tempo que quedou ampliada a oferta de titulacións especializadas en ensinanzas empresariais en Galicia. Do cumprimento co esixido no CGU de outubro darase conta no primeiro que se celebre no 2010.

Deste xeito, estase a avanzar na coordinación e ordenación da oferta do SUG no proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES, coñecido como Plan Bolonia), transformando catro diplomaturas en ciencias empresariais en titulacións únicas de especialidades correspondentes a esta rama de estudos.

Con este cambio, a Xunta afirma que se mellora a competitividade do sistema, xa que, na actualidade, estanse implantando este tipo de estudos fóra da comunidade. Con esta decisión, o alumnado que desexe ter unha formación especializada en empresa, non precisará saír de Galicia.

Esta oferta aprobouse xunto a outros 69 títulos das tres universidades galegas no pleno do CGU do mes de xullo, celebrado en Lugo. Coa implantación na UDC e a aprobación para os outros tres campus péchase a primeira fase da adaptación e transformación das titulacións que se impartían no SUG ao EEES.

Comentarios