A Cohors III Lucensium representará a Lugo nas festas de María Pita

A asociación Cohors III Lucensium será a encargada de representar o Lugo romano no Ariete 2010, a concentración dos grupos de recreación histórica que terá lugar este fin de semana nas festas de María Pita da Coruña.

O concelleiro de turismo, José Manuel Díaz Grandío, e a concelleira de xuventude, Rosana Rielo, presentaron onte esta iniciativa que contará co apoio de Lugo10, o programa conmemorativo do décimo aniversario da muralla como patrimonio mundial, para que dea a coñecer a cidade.

No acto de presentación, o presidente da Cohors III, Manuel Fernández, puxo de manifesto a súa intención de promocionar «e dar impulso á cidade» e asegurou que a asociación contará na celebración con todo tipo de material para levar a cabo a recreación histórica.

Ademais, o presidente explicou que repartirán na cidade herculina información sobre Lugo10 a todos os asistentes e que hoxe participarán nun desfile nocturno que percorrerá, entre outros lugares, o Cantón Grande, o Museo Militar e a praza de María Pita, onde a asociación arroxará, valéndose dunha catapulta, tres balóns de fútbol co logotipo de Lugo10.

Comentarios