La Caixa pon 35.312 caras ao seu labor social

Actuación de Xeada. (Foto: Pepe Tejero)
photo_camera Actuación de Xeada. (Foto: Pepe Tejero)

As accións da obra social de La Caixa beneficiaron durante o pasado ano a 35.312 lucenses. Os datos son máis que cifras, xa que o traballo realizado pola entidade centrouse no caso de Lugo no «fomento do emprego, a loita contra a pobreza e a exclusión social, a educación e o impulso ao envellecemento saudable», segundo destacaron o director territorial de La Caixa en Galicia, Marc Benhamou , e a xestora da Obra Social na comunidade, Susan Santos.

Ambos participaron onte en Lugo en senllos actos nos que se puxo en valor a achega de La Caixa ao traballo social. Así, acudiron a Aprevar, onde se desenvolve un curso de chapista enmarcado no programa ‘Reincorpora', dirixido a fomentar a reinserción social de persoas condenadas. Tamén estiveron no Hula, onde funciona a Cibercaixa hospitalaria, dirixida aos nenos hospitalizados e que aposta pola súa formación e benestar. Durante 2012 ese servizo dirixido a nenos ingresados e aos seus familiares do Hula recibiu 748 visitas.

A entidade financeira considera que no último ano «reforzou en Lugo a súa actuación social», e pon como exemplo as «26 oportunidades laborais a persoas en risco de exclusión a través de 14 empresas» ou «a atención a 1.600 maiores, o reforzo á educación de 3.074 novos alumnos a través do programa EduCaixa e a xeración de ofertas laborais a través da conservación de espazos naturais».

Ademais, os representantes de La Caixa informaron de que a súa rede de oficinas en Lugo «consolidou o labor de proxectos de ámbito local. En 2012, a entidade concedeu 142 axudas por este concepto, un investimento total valorada en 75.007 euros». Tamén destinou, entre outras moitas accións, 91.900 euros para impulsar «cinco iniciativas enfocadas á mellora da calidade de vida daqueles que padecen máis dificultades.

Entre as prioridades da Obra Social de La Caixa en Lugo está o fomento do emprego entre os colectivos en risco de exclusión social e os máis maiores.

A ese colectivo dirixíronse os talleres de fomento da autonomía e o envellecemento saudable nos que participaron 1.664 lucenses e que se organizaron a través de tres centros asociados da provincia cos que a firma ten convenios de colaboración.

A educación tamén forma parte dos campos de actuación da obra social de La Caixa, que ten en marcha unha plataforma educativa, dirixida tanto a alumnos de 3 a 18 anos como aos seus profesores.

Ademais, un lucense cursará estudos no estranxeiro e outro en España grazas ao programa de bolsas de posgrao que ten a entidade.

O Centro de Música Fingoi ofreceu un concerto didáctico

Os cursos están a chegar ao seu fin, as vacacións aproxímanse, pero antes desenvólvense diferentes actividades. Os profesores e alumnos do Centro de Música Fingoi, no que Pilocha imparte clases de canto, botaron onte man dos seus instrumentos para ofrecer un concerto didáctico, que levou por título ‘Clara e Cloud'. O público que se deu cita gozou desta actuación, na que a entrada foi gratuíta.

OS MAIORES TAMÉN CELEBRAN O FIN DE CURSO
Os centros sociais de Fingoi, Maruja Mallo e Sagrado Corazón expoñen o feito nos seus talleres

Os pequenos están en época de exames, pero non son os únicos que celebran o fin de curso. Moitos adultos dérono todo durante os últimos meses e chega o momento de exhibir o seu traballo e deixar que todo Lugo asista asombrada ás virguerías que son capaces de facer coas súas mans.

Parte do traballo feito polos maiores nos últimos meses correspóndese ao levado a cabo nos talleres que organiza o Concello en loa centros sociais, onde estes días se celebran distintas exposicións.

A concelleira Ana González Abelleira abriu onte a exposición dos traballos feitos polos asistentes ao centro social de Fingoi. Coincidindo coa apertura da mostra celebrouse tamén unha actuación da coral Xeada, cuxos membros cantaron con traxes que facían evocar xa a festa do Arde Lucus.

Tamén se abriron exposicións no centro social Maruja Mallo e no Sagrado Corazón.

A Casa do Saber acolle un curso de verán sobre agroecoloxía

O curso de verán da USC ‘Agroecoloxía e gobernanza da auga' foi inaugurado onte na Casa do Saber polo profesor Xan Neira e a deputada provincial Sonsoles López Esquerdo. Nesta actividade que durará ata mañá participan 10 relatores. Abriu o lume o xefe da área técnica do Servizo de Conservación da Natureza, Santiago Fraga, que falou sobre a pesca deportiva e a conservación dos ecosistemas fluviais.

Alcer concienciou aos lucenses no Día do Doante

Con motivo do Día do Doante, Alcer colocou onte mesas informativas na Praza Maior, o edificio administrativo da Xunta, o Hospital Lucus Augusti e a Biblioteca Intercentros para concienciar aos lucenses de que doando os seus órganos poden salvar as vidas. Esta asociación tamén impartiu onte e continuará hoxe un taller para elaborar menús para enfermos renais no centro de convivencia María Balteira.  

Comentarios