A Aneca aproba para Lugo o grao para ser enxeñeiro técnico industrial

A Aneca, axencia que se ocupa de verificar as titulacións que se implantan no sistema universitario español, deu luz verde ao grao de Enxeñería de Procesos Químicos Industriais, coas atribucións que permiten desempeñar a profesión de enxeñeiro técnico industrial. Este título foi orixe de polémica hai uns meses, cando a facultade de Enxeñaría Química de Santiago tramitou un grao coas mesmas competencias, que ata ese momento só tiña Lugo. Finalmente, decidiuse tramitar dúas titulacións diferentes, coa dúbida de se a Aneca daría o seu consentimento, como así foi. A axencia unicamente obrigou a modificar o nome inicial para non dar lugar a confusións.

Así o confirmaron este mércores o reitor saínte da USC, Senén Barro, e o vicerreitor de Coordinación, Carlos Ferreiro, na súa última comparecencia nos cargos que viñeron ocupando nos últimos oito anos. A presentación tiña como obxecto presentar a oferta académica para o próximo curso, no que se implanta o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) na súa totalidade.

Carlos Ferreiro sinalou que este título de Ciencias "deixa o campus de Lugo moi ben situado". Tamén o decano da facultade de Ciencias, Francisco Fraga, congratulouse da noticia.

O presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos, Jorge Rivera, que foi moi belixerante na defensa da exclusividade do título para Lugo, cualificouno con todo como "agridoce". "é unha boa noticia que queda en Lugo, pero queda por ver se terá matrícula suficiente agora que se duplica a oferta. Non nos enganemos, se se repiten as atribucións repítese a titulación. Esperemos que logo non digan que se pecha o posto porque non hai alumnos suficientes".

A facultade de Ciencias implantará tamén outro título novo, Nutrición e Dietética, e ten moi adiantado o Máster en Enxeñería Industrial, equivalente á rama superior da enxeñería que ata agora só se impartía en Vigo.

Barro considera, pola súa banda, que "a USC fixo a readaptación máis importante de Galicia, sobre todo neste campus, onde eliminamos redundancias e titulacións que tiñan pouca demanda".

  • Menos prazas para non aumentar profesorado. Outra das novidades deste ano, sinalou Senén Barro, é que "a gran maioría dos títulos son con límite de prazas e nos xa se había fíxose redución" coa intención de facer un ensino "con máis aulas interactivas, máis tutorías". Así as cousas, "ou incrementamos profesorado, que non se pode por cuestións orzamentarias, ou axustamos a oferta". Barro confía en que se consolide a tendencia a aumentar alumnos dos últimos dous anos, aínda que matizou que "non estamos obsesionados pola cantidade, senón pola calidade".
  • Matrícula en internet. O reitor en funcións, que este xoves abandona o cargo, subliñou que a matrícula deberá este ano facerse por internet obrigatoriamente. Para os graos sen límite de prazas o prazo será do 7 de xullo ao 25 de febreiro. Para o resto, o primeiro prazo será o 19, 20 e 21 de xullo, e haberá ata 8 etapas ata outubro.
  • Datas. O curso  empeza o 13 de setembro e termina o 30 de xullo, mes no que se fará a última convocatoria de exames. Agosto queda para as vacacións.
  • 9,51 euros custará o crédito máis barato e 13,45 euros o máis caro, en función das titulacións.

Comentarios