A xuízo tres homes por darlle unha brutal malleira a outro para roubarlle a carteira

Propinarlle unha brutal malleira a un lucense en pleno centro histórico para roubarlle a carteira pode levar a prisión a tres asaltantes que aproveitaron a escuridade da noite para dar renda adoite á súa agresividade.

O atraco -tal e como se recolle no escrito de conclusións provisionais do ministerio fiscal- produciuse sobre as catro e media da madrugada do 14 de marzo de 2010, cando a vítima camiñaba soa pola Praza de Santo Domingo, en pleno centro da cidade.

Nese momento, tres homes abalanzáronse sobre el de súpeto e comezaron a golpearlle «de forma reiterada», mentres un deles meteu a man no peto e apoderouse da súa carteira. Non contentos coa súa fazaña, os asaltantes tiraron ao viandante ao chan e seguíronlle propinando golpes ata que decidiron darse á fuga.

Os atracadores non conseguiron un suculento botín co ataque, xa que a carteira da vítima contiña unicamente catro cartóns bancarios, algunha documentación persoal e cincuenta euros en efectivo, unha cantidade sen dúbida pequena á hora de realizar a repartición.

Tras o suceso, a Policía Nacional de Lugo abriu unha investigación, que deu os seus froitos coa detención de tres homes: J.P.C., de 47 anos de idade e de nacionalidade española; D.M.A.A., de 33 anos e nacido en Portugal, e L.A.G.A., un ano menor e natural do mesmo país.

Penas

Estas tres persoas foron acusadas dun delito de roubo con violencia dos artigos 237 e 242 do Código Penal e doutro delito de lesións do artigo 147, polos que o ministerio fiscal solicitou sendas penas de tres anos de prisión, e ano e medio de cárcere, respectivamente.

Deste xeito, cada un dos acusados enfróntase a unha condena total de catro anos e medio de prisión.

Lesións

A acusación pública pide ademais que os tres acusados indemnicen «conxunta e solidariamente» á vítima nun total de 2.192 euros: dos que 50 serían polo diñeiro que lle roubaron, 650 polas lesións causadas e outros 1.492 euros polas secuelas. E é que o home sufriu múltiples contusións e tardou quince días en recuperarse e poder facer a súa vida normal. Ademais, case dous anos despois do atraco, a vítima aínda conserva unha dor nas costelas «de intensidade moderada».

O ministerio fiscal pide igualmente que os imputados indemnicen ao Sergas na cantidade de 774 euros pola asistencia prestada ao ferido.

A vista oral por estes feitos tiña previsto celebrarse no xulgado do Penal número 2 da capital lucense, pero finalmente tivo que ser aprazada e celebrarase proximamente.

Comentarios