Grandes grupos e empresas familiares compiten polo mercado do automóbil

C:Documents and SettingsjduranMis documentosMis imágenes\_PON0284.JPG
photo_camera C:Documents and SettingsjduranMis documentosMis imágenes\_PON0284.JPG

O sector da automoción en Lugo viviu a pasada semana días convulsos. A decisión de Toyota de rescindir o seu contrato con Anigasa e, tras non poucas incertezas, decantarse polo Grupo Breogán, non é máis que un claro exemplo do incerto momento que atravesa o sector, no que nos últimos anos pequenas empresas familiares deron paso a grandes grupos como consecuencia de reaxustes no sector. A falta de liquidez, a crise de vendas ou a propia xestión empresarial son variables que poden explicar o fracaso deste proxecto empresarial en concreto, aínda que tamén dan unha mostra do momento que atravesa o negocio.

Ademais de baterse o cobre cunha competencia cada vez máis feroz, os concesionarios enfróntanse a un mercado en crise e á incerteza que provoca sobre o sector a futura liberalización da venda e distribución. A nova normativa, que entrará en vigor en outubro de 2010, podería supor a entrada no negocio de novas empresas, que se afastarían dos estándares dos concesionarios tradicionais.

En adaptarse canto antes ás novas regras radica a garantía do éxito e iso explica a profunda transformación que sufriu o mercado nos últimos anos, aínda que acertar co camiño a tomar resulte xa máis complicado. Os intereses dos grandes fabricantes non sempre coinciden cos dos concesionarios e nese remar en distinta dirección, case sempre é o peixe pequeno ao que engulen.

Grupos multimarca
A solución para non acabar no estómago de ninguén, pensan algúns, pasa por converterse nun peixe grande. Así, de pequenas estruturas familiares xurdiron nos últimos anos grandes grupos multimarca que, aproveitando a debilidade duns e as indecisións doutros, adquiriron, absorberon ou se fusionaron con outras concesións, dando así lugar a empresas de maior poder financeiro.

Automóbiles Gestoso (Renault) foi un deses primeiros grupos en aparecer no mercado lucenses, tras o acordo alcanzado cunha empresa tan emblemática por aquel entón como Abelleira.

Posteriormente, Pérez-Rumbao (facéndose coa distribución de Volvo) ou Moyvesa (adquirindo os concesionarios do Grupo Martínez) foron os seguintes en chegar a Lugo. Aínda que a cúspide desta espiral prodúcese cando o poderoso grupo portugués Caetano faise co control de Gestoso.

Empresas familiares
O outro camiño evolutivo para a supervivencia no sector pasa por quen apostan por estruturas máis sinxelas, nas que a propiedade da empresa involúcrase de forma directa na xestión do negocio. Son empresas de crecemento máis pausado, pero cuxa principal vantaxe radica nunha maior axilidade á hora de tomar esas decisións que mellor se adapten ás novas normas do mercado.

Sexa cal for o camiño elixido, o certo é que grandes grupos e empresas familiares conviven no mercado lucense e parecen condenados a entenderse.

Pero son os propios fabricantes os que estableceron unhas regras de xogo demasiado despiadadas. Os obxectivos por volumes de venda —unha fórmula inventada para dar saída á sobreproducción das factorías— provocaron un elevado número de automatriculacións. A boa saúde do mercado permitía este e outros experimentos, que non tardaron en volverse en contra en canto descenderon as vendas.  

Comentarios