Flores de outono na Exposición Micolóxica

A ASOCIACIÓN Micolóxica Lucus vén de celebrar a VIII Exposición de Cogomelos, enmarcada con debuxos cheos de cores e ananiños dos nenos no Colexio Público Rosalía.
Hai uns días celebraron as I Xornadas de Micogastronomía. Podemos dicir que Galicia é un paraíso dos cogomelos. Eses seres con importancia económica e sobre todo ambiental, son outra maneira de enriquecer con matices unha gastronomía tan potente como a nosa. E revitalizar un rural adurmiñado cun valor engadido que agora emigra a toneladas, nun mercado precario pero moi cotizado, a Cataluña e a Francia.

Por iso este fin de semana houbo tantísima xente visitando a espectacular mostra: máis de 215 especies identificadas na exposición. Tarxetas de cores diferenciaban os cogomelos comestibles dos tóxicos indicando nome científico e popular e o seu hábitat.

A natureza galega agasalla, apenas aparecen as choivas, cunha espectacular sementeira e colleita destas flores da outonía. A natureza, nun prodixio de fantasía, viste praderías e  bosques cun mantel de formas rechamantes e tódalas cores do arco da vella, agasallo para os ollos e tamén para o padal.

Estes seres misteriosos son importantísimos para o medio e axudan a manter a boa saúde do bosque, explica con paixón, solvencia e paciencia infinita Julián Alonso, alma máter desta sociedade. Pero estes gnomos amables que só asoman a carapucha máis vistosa, acenderon sinais de alarma porque detectan como ninguén o cambio climático. Estamos a ver cogomelos que antes non viamos, e nalgunha mostra anterior, pola seca, apenas puidemos mostrar unhas poucas especies.

A exposición, este ano tan ampla e vistosa, completouse cunha presentación en power point que explica dun xeito moi didáctico e con fermosas fotografías o mundo dos cogomelos. Todo un acerto.

Segue dicindo Julián Alonso que non somos conscientes do privilexio de vivir en Lugo onde con só estender o brazo podemos tocar coa punta dos dedos a cortiza do paraíso. Por iso é tan lamentable a situación dos ríos, o estado de abandono dos montes, a delicada situación dos amieiros e castiñeiros que o están a pasar tan mal, a sementeira de colchóns, lavadoras e merda nas carballeiras.

O esforzo enorme de recoller cogomelos e de montar a exposición tivo a mellor recompensa na masiva participación de visitantes. Excepto tocar a estes seres delicados, todo se podía facer. Varios dos máis de 200 membros da Sociedade Micolóxica Lucus prestábanse amablemente ás preguntas, demandas de información e aclaracións de dúbidas.

Cómpre apoiar máis, moito máis, ademais do Concello, á Sociedade Micolóxica Lucus que está a facer unha labor imprescindible descubrindo e mostrando a todos o mundo fascinante que mestura coñecementos ecolóxicos e gastronomía, cores e formas, perigos e respecto ó medio, destes seres amables que pechan o ciclo da vida. Son cogomelos, as flores do outono, un ano máis na mostra do Colexio Rosalía.

Comentarios