FEMP e Imserso dotan a Lugo dun autobús accesible

Un total de 558 autobuses accesibles incorporarase ás liñas regulares de autobuses urbanos de 41 cidades españolas, entre elas Lugo, en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Imserso, que contempla financiar con cinco millóns de euros a adaptación destes vehículos aos criterios de accesibilidade, segundo informou este venres esta última entidade.

Neste sentido, as cidades que incorporarán un maior número de vehículos adaptados serán Madrid, con 160, e Barcelona, con 121, seguidos a gran distancia por Sevilla, que incorporará 40.

Outras poboacións que se verán beneficiadas por esta iniciativa, son Baeza (1), Badaxoz (18), Bilbao (9), Castelló da Plana (1), Cartaxena (11), Cidade Real (4), San Sebastián (17), Elxe (3), Esparraguera (1), Xixón (7), Xirona (3), Granada (8), Granollers (2), Irún (4), Xaén (2), León (2), Logroño (7), Lleida (2), Málaga (26), Manresa (3), Masnou (1), Mérida (2),  Oviedo (13), Palencia (2), Pamplona (12), Puerto del Rosario (1), Reus (7), Salamanca (6), Santa Cruz de Tenerife (9), Segovia (3), Terrassa (13), Toledo (8), Torrevieja (3), Valladolid (7), e Vitoria (2). Polo que se refire a Galicia, Lugo recibirá un; Ourense, cinco, e Vigo, once.

A adaptación que han de realizar estes vehículos aparece detallada nos criterios técnicos fixados polo Imserso, e son, entre outros, a ausencia de chanzos de acceso, espazos para cadeiras de rodas, diversas particularidades nos mecanismos de solicitude de parada e incorporación de rampla para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida.

O financiamento previsto para a adaptación de cada vehículo realizouse en función do tamaño do mesmo; así, os chamados autobuses tipo A (articulados), recibirán para a súa adaptación un total de 12.020,24 euros; os de tipo B (estándar; a maioría) terán unha axuda para adaptación por unidade de 9.015,18 euros; e, finalmente, os de tipo C, ou microbuses, recibirán 6.010,12 euros cada un. Os de Lugo e Ourense son na súa totalidade do tipo B (471 en toda España) e os de Vigo son dous articulados (38 en toda España) e nove do tipo B.

Comentarios