Morre un obreiro en Nadela atrapado por unha máquina

Un home de 47 anos, F.L.V, natural da localidade coruñesa de Touro, perdeu a vida na mañá deste mércores na fábrica de taboleiros de aglomerado na que traballaba, no municipio de Lugo, ao ser atrapado por unha das máquinas da empresa. Fontes da comisaría provincial do Corpo Nacional de Policía confirmaron que os primeiros indicios apuntan a que a morte do operario puido deberse a unha imprudencia pola súa banda, aínda que aínda se están investigando as causas do accidente.

O sinistro produciuse, segundo eses mesmos informadores, nas instalacións da empresa Tablicia, situadas no lugar de Nadela, na parroquia de San Xoán de Pena. A central de coordinación de urxencias recibiu aviso do sinistro cando faltaban uns minutos para as oito da mañá.

A persoa que alertou ao 112 xa informou da gravidade do ferido, porque o home "non respiraba". Inmediatamente, a central de coordinación de urxencias mobilizou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou ao lugar do sinistro a unha UVI móbil, así como a un equipo de excarceración, para sacar ao traballador da máquina na que quedara atrapado, e a efectivos das policías Local e Nacional.

Con todo, o equipo sanitario que se desprazou ao lugar do accidente non puido facer nada por salvar a vida do traballador, porque cando chegou á empresa, o home xa falecera. Tampouco foi precisa a intervención do equipo de excarceración, porque a vítima, que residía na capital lucense, xa fora retirada da máquina polos seus compañeiros.

Segundo fontes consultadas por AGN, o traballador faleceu practicamente no acto, dado que foi "engulido", literalmente, por unha das máquinas que utiliza esta empresa para prensar a madeira.

Comentarios