lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

No Hula, aparcadoiro, monte ou gorrilla

La obra del párking de Cysem.
La obra del párking de Cysem.

A envergadura e a modernidade do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) seguen causando sorpresa a quen o visita por primeira vez, pero contrasta co caos automobilístico que se produce nos arredores, sobre todo polas mañás. Coches ocupando beiravías e parte do carril de circulación, condutores que fan virguerías para sacar os seus vehículos de bulleirais ou para atoparlles acomodo sobre peñascos e gorrillas ofrecendo axuda para aparcar a cambio dunhas moedas son escenas que ven todos os días.

O hospital dispón dun aparcadoiro público con 636 prazas e nun dos laterais abriu hai meses un aparcadoiro privado de superficie, A Perla, con algo máis de 200 ocos. Nun e outro adoita haber prazas libres, pero moitos condutores optan por non pagar e deixar o seu coche sobre a beiravía, en pistas e terreos que hai ao redor do hospital e incluso en entradas de leiras, o que de cando en vez provoca queixas dos seus propietarios.

Aparcar dentro do hospital custa 0,02124 euros o minuto durante a primeira hora e 0,0177 a partir do minuto 60. A tarifa para 24 horas é de 7,08 euros. No aparcadoiro privado, a tarifa por un día completo é de 3 euros e durante as tres primeiras horas factúrase por minuto. O responsable da Perla, Antonio Cabanas, explica que polas mañás a ocupación rolda o 80%, mentres que polas tardes e as noites baixa un pouco.

Leirapárking

O Concello anunciou fai máis dun ano -no momento no que a Xunta confirmou que o aparcadoiro do hospital sería de pago- o acondicionamento dunha parcela municipal como zona gratuíta de aparcadoiro. A dotación ía estar lista para finais do ano pasado, pero os condutores terán que seguir esperando polo menos ata o verán.

O Concello explicou que aprazou a obra á próxima primavera, dado que o movemento de terras resultaba máis complexo e custoso no inverno, indicou a concelleira de infraestruturas, Paz Abraira.

A actuación prevista consiste un acondicionamento da parcela e na colocación dun valado perimetral, xa que se trata de chan rústico e, polo menos de momento, non se pode realizar unha obra de maior envergadura. é unha actuación sinxela e o outono e o que vai de inverno foron secos, pero aínda así o Concello decidiu aprazar os traballos ata a primavera.

Cysem

Si arrincou a obra do segundo aparcadoiro privado, da empresa Cysem. A firma obtivo licenza para acondicionar un terreo con 862 prazas, pero de momento só habilitará a metade, segundo explicou o responsable, José Bouso. O empresario prevé que o aparcadoiro estea listo para usar en torno ao verán, pero aínda non fixou as tarifas.

No Hula, aparcadoiro, monte ou gorrilla
comentarios