O TSXG ve procedente o despedimento dun estranxeiro sen permiso de traballo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza do xulgado do Social número 1 de Lugo que consideraba procedente o despedimento dun traballador estranxeiro porque non lle renovaron o permiso de traballo.

O afectado traballaba como repartidor nunha pizzería da capital lucense e cando foi contratado tiña permiso de traballo e residencia. Posteriormente, o 31 de marzo de 2009, o mozo instou a renovación dos seus permisos, pero a subdelegación do Goberno de Lugo denegoulla o 16 de outubro de 2009 por ter antecedentes penais.

O traballador non lle comunicou a súa nova situación á empresa, que finalmente se decatou e o 28 de setembro de 2010 envioulle unha carta na que lle comunicaba que daba por «extinguida» a relación laboral que mantiña con el. A dirección da pizzería alegou como motivo de despedimento «a perda do permiso de traballo sen habelo comunicado á empresa».

Igualmente, comunicoulle ao empregado que podía recoller a liquidación e a liquidación nas oficinas da pizzaría.

Demanda

O traballador non se mostrou conforme coa actuación da empresa e interpuxo entón unha demanda contra a pizzería, solicitando que se declarase improcedente o seu despedimento. Con todo, tras estudar o caso, o xulgado do Social desestimouna e absolveu á empresa «de todas as pretensións formalizadas na súa contra».

O afectado continúo a súa loita nos xulgados e presentou un recurso de suplica ante a sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tampouco admitiu ningún dos motivos que se alegaban no recurso presentado.

Argumentos

O Tribunal recoñece na súa sentenza que a última modificación lexislativa sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España establece que o contrato dun traballador estranxeiro celebrado sen ter a correspondente autorización para traballar é «válido e eficaz» para regular a relación xurídica existente entre empresario e traballador, «con independencia das responsabilidades penais ou administrativas a que puidese dar lugar o incumprimento polo empleador da prohibición de contratar a un traballador estranxeiro que carece de permiso de traballo». Antes da reforma, este contrato de traballo sería considerado nulo.

O TSXG apunta con todo que son necesarias «matizacións interpretativas» e que neste caso non se pode «impor» á empresa a continuación dun contrato no que o traballador «carece de capacidade para contratar» e que lle pode xerar incluso responsabilidades administrativas e incluso de tipo penal.

Segundo expón, tampouco se lle pode esixir á empresa que recorra a un despedimento por causas obxectivas, «xa que a non renovación do permiso de traballo por parte da subdelegación do Goberno de Lugo -fundamentada na existencia de antecedentes penais-, así como a non comunicación deste feito á empresa, só é imputable ao traballador».

Deste xeito, o tribunal conclúe que nin tan sequera se produciu despedimento, senón que a falta de permiso de traballo e residencia «inhabilítalle para traballar por non ter a capacidade que esixe o Estatuto dos Traballadores».

O TSXG desestimou así o recurso de suplicación presentado polo traballador en contra da pizzería lucense.

Comentarios