O PSOE quere saber por que a conselleira non recibiu aos xestores da ILP do Hula

O PSdeG-PSOE solicitou que a deputación permanente do Parlamento se reúna o antes posible para debater temas como o feito de que a conselleira de Sanidade non recibira a unha representación da comisión veciñal que promoveu a iniciativa lexislativa popular (ILP) en demanda de máis servizos para o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) de Lugo.

Os socialistas esixen unha resposta da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola súa negativa a recibir a unha representación do colectivo impulsor desta ILP, que reclama hemodinámica, servizo de medicina nuclear e radioterapia no Hula.

O PSOE pregunta polos motivos de Rocío Mosquera para non atender unha solicitude de entrevista que vai “avalada por 43.000 sinaturas, tal e como quedou constatado no rexistro da ILP o pasado venres no Parlamento de Galicia”.

A Cámara autonómica galega está de vacacións, polo que o tema tería que ser debatido na deputación permanente en xaneiro. O PSOE xustifica a urxencia da moción pola “preocupación social existente ante este problema como demostra a presentación dunha ILP”. “A cidadanía de Lugo está moi preocupada ante o incumprimento do Goberno Feijoo de dotar o Hula da tecnoloxía que tiña comprometida”, sinalan as tres deputadas do PSdeG-PSOE que asinan a pregunta oral.

O voceiro parlamentario socialista, José Luis Méndez Romeu, explicou que o seu grupo pide unha deputación permanente de urxencia tamén para que o presidente da Xunta fale sobre a venda de NCG Banco a Banesco, para que  o conselleiro de Presidencia aclare a postura do Goberno sobre temas como a reforma local ou a suba de Sogama e, entre outros temas, para que o conselleiro de Industria compareza polo aumento da tarifa eléctrica.

Comentarios