O padroado de Relacións Laborais presentou os recortes aos docentes

Os representantes dos patróns da fundación Campus -Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios de Lugo (CEL, Deputación e Universidade de Santiago (USC)- mantiveron onte unha reunión co persoal docente para presentarlles o plan de viabilidade do centro, cuxo borrador se aprobou o pasado luns e que contempla recortes en todas as partidas de gasto, incluída a de persoal. No encontro quedou patente a boa disposición de todas as partes, segundo o presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Núñez Torrón.

Na reunión, á que acudiu só unha parte dos docentes, notificouse a situación económica da escola e a necesidade de aplicar un plan de austeridade. Tal e como se sinalou o pasado luns, as medidas que se contemplan pasan por intentar incrementar o número de alumnos para contar con máis ingresos e reducir os gastos, tanto as correntes como de persoal, nunha proporción considerable. Docentes e traballadores terán que decidir se aceptan as novas condicións ou non.

A Escola de Relacións Laborais é un centro adscrito á USC, unha condición que tamén ten a Escola de Enfermería. Este tipo de centros teñen un funcionamento diferente, xa que non reciben fondos da institución, que si garante academicamente os seus títulos. Mentres que a Escola de Enfermería está incluída nos orzamentos do Sergas, a de Relacións Laborais veuse nutrindo dos ingresos por matrícula case desde o seu inicio, en 1995. Ao principio os patróns puñan unha cota que desapareceu grazas ao superávit que achegaba o elevado número de alumnos.

Tampouco os docentes pertencen ao persoal da USC, senón que os contrata o propio centro. No caso de Relacións Laborais, boa parte do profesorado está formado por profesionais que ten na docencia unha segunda actividade e cobra por hora, aínda que hai algúns en persoal.

Aínda que o centro conta cun remanente que lle permite asumir o desfasamento económico deste curso -uns 200.000 euros- e quizais do próximo, os patróns queren axustar os gastos aos ingresos para non ter que achegar diñeiro ou, de facelo, que non supoñan cantidades elevadas.

Ata o pasado luns non quedou claro se se ofertarían prazas en primeiro para o próximo curso, aínda que o padroado decidiu finalmente abrir a matrícula para novos estudantes -os actuais alumnos xa teñen garantido ese trámite por lei- a cambio de sanear as contas.

Comentarios