O 'parkour' traza o seu camiño en Lugo

"Mira o neno, que case me pon o zapato na boca!", exclama polo baixo un turista de acento andaluz, sentado de medio lado no adarve da rampla de acceso á muralla, á altura da Porta de Santiago. De inmediato, a mesma sombra cruza de novo o muro en dirección contraria, esta vez co corpo disposto lateralmente, paralelo ao chan, apoiando o seu peso sobre unha man e buscando impulso na inercia do movemento.

O neno en cuestión chámase Pablo Méndez, ten 15 anos e é un dos mozos lucenses que, aos poucos, comezan a estender o parkour polo territorio urbano local. Fundada en Francia a principios dos noventa a partir de técnicas militares de superación de obstáculos, esta disciplina atlética -"a arte do desprazamento", como o denominan os propios traceurs ou practicantes do parkour- persegue un dobre obxectivo a través do dominio das dificultades que opón a contorna da cidade: aquí, a creación de camiños persoais á que se aspira é á vez física e psicolóxica.

O parkour empezou a asomar polas rúas da capital de provincia hai ao redor dun lustro, co grupo Sombras Urbanas como pioneiros. As exhibicións públicas e os cursos de iniciación, como os organizados pola USC en 2009 ou os que ofrece desde o verán pasado a Casa da Xuventude, cultivaron unha nova canteira de afeccionados que continúa dita senda conformando os seus propios grupos de práctica, adestramento e formación. Méndez, precisamente, é cofundador do Lugo Wolf Team -ou Lugo Wolf Traceurs, cústalles aclararse- xunto a Álvaro Orgallo e Miguel Blanco.

"Queriamos adestrar máis seriamente", indica Blanco, a quen os seus tres anos de experiencia no terreo aválanlle como voz de referencia dentro dun grupo que, de momento, alcanza os sete membros e xa conta coas súas camisetas personalizadas. Agora, durante as vacacións de verán, procuran reservar cada día dúas ou tres horas para ensaiar movementos como o gato -saltar un obstáculo coas dúas mans en paralelo e pasar as pernas de fronte sobre elas grazas ao abalo do corpo- ou o grimpeo -saltar un muro á carreira, literalmente andando en vertical sobre el-. Con todo, puntualiza Blanco como toque de atención aos seus compañeiros, tan só os seus tres fundadores adoitan resistir a disciplina do adestramento diario; compromiso que o resto de membros asimila de xeito algo máis relaxado.

"A técnica é máis importante que a forza", explica Blanco, capaz de rubir a parede da Domus do Mitreo, duns dous metros e medio de altura, co impulso dun salto poderoso, unha patada precisa e un firme agarre de brazo. Obviamente, cuestións como a elasticidade muscular, a potencia explosiva, a axilidade e que o traseiro pese só o xusto desempeñan un papel importante para completar estas rutinas. Nada que non se poida vencer con adestramento e perseveranza.

"O obxectivo do parkour é ser e durar; ser forte para ser útil", apunta Blanco, quen cita as lemas fundacionais deste deporte para definir tamén o aspecto mental que se esconde tras semellante demostración de pericia física.

"É un hobby e un modo de vida", opina Méndez. Co entusiasmo incontido de quen descubriu unha vocación natural -ao mozo xa lle gustaba todo o relacionado co salto e a escalada antes de iniciarse no parkour-, Méndez destaca o espírito de compañeirismo que reina dentro dunha disciplina que non posúe unha estrutura competitiva como tal, senón que ostenta como única meta e recompensa a superación persoal por medio da continua aprendizaxe e da depuración da técnica. A liberdade absoluta que garante a súa completa ausencia de normas que coarten a improvisación e a creatividade, sobre todo en comparación con outros deportes ríxidamente regulados -"e coa sociedade", engade con ánimo libertario-, é outro dos factores que Méndez ten en especial estima.

En efecto, Blanco, un purista que prefire manter certa distancia respecto das escolas organizadas para achar o seu camiño particular de xeito autodidacta, subliña a importancia de que cada traceur "vaia atopando o seu propio estilo".

A estes valores esencialmente positivos, entre os que prima a humildade, a confraternización e o esforzo fronte á rivalidade e o egoísmo, engádese o carácter economicamente alcanzable da súa práctica. O mobiliario urbano ofrece todo o material necesario para desenvolver os exercicios. O equipamento indispensable redúcese a un pantalón de chándal cómodo, varias tallas por encima do habitual para facilitar a amplitude de movementos, e a unhas zapatillas que dispoñan dunha adoite grosa, destinada a amortecer correctamente os impactos habituais de cada destreza e a resistir con suficiencia o paso do tempo.

En contra do que puidese parecer, explica Miguel Blanco, as lesións non son abundantes, posto que correr riscos superfluos non forma parte dos obxectivos do traceur. Os saltos deben realizarse sempre con seguridade, mentres que a maior ou menor altura desta proba é un dato casual, imprevisto e apenas relevante. Coñecer os propios límites para batelos é esencial. Esixirse máis do que sería prudente, un erro frívolo que nada ten que ver cos obxectivos do parkour, o cal demanda tomarse o tempo preciso para progresar de forma equilibrada pero constante.

"No meu caso, o único problema que tiven é a dor nas plantas dos pés", comenta o líder oficioso dos LWT, que tamén confesa con disimulado reparo que, en certa ocasión, o seu amigo Méndez calculou mal un exercicio e o seu nariz sufriu as desafortunadas consecuencias da equivocación. De novo, unha técnica desenvolvida sirve como primeira medida preventiva fronte a posibles lesións, como, por exemplo, saber afrontar as caídas coa punta dos pés e non co talón. Por suposto, como en calquera outra práctica deportiva, é imprescindible un completo quecemento previo, con especial atención ás articulacións do tren inferior, que son as que maior desgaste padecen durante o adestramento.

Doutra banda, o contacto coa autoridade tampouco carrexou ningún inconvinte. "A Policía nunca nos dixo nada mentres practicamos parkour; quizais si algún veciño, pero tampouco insisten moito porque ven enseguida que non estamos a facer nada malo", asegura Miguel Blanco, quen insiste con vehemencia que o parkour é incompatible co vandalismo, posto que para o traceur a rúa supón literalmente un ximnasio ao aire libre e, xa que logo, débeselle o máximo respecto.

"En Lugo hai menos afección que na Coruña, Vigo, Santiago e Ferrol", informa Miguel Blanco sobre o longo percorrido que aínda queda ao parkour na cidade bimilenaria. Por iso é polo que, na súa opinión, os traceurs lucenses non teñan aínda un nivel demasiado elevado polos escasos participantes que buscan trazar o seu propio camiño nas rúas do lugar.

De momento, os LWT tratan de crear escola abrindo a súa formación aos mozos que mostren interese neste deporte, xa sexa mediante encontros eventuais na rúa, a través de contactos creados nos cursos fomentados polo Concello, sexa mediante as redes sociais -dispoñen incluso dun email de contacto: [email protected].

Como espello no que mirarse -nun signo de admiración, imitan o logo do grupo nas súas camisetas-, unha das referencias de Galicia e España: os Galizian Urban Project, uns clásicos nas exhibicións de parkour no panorama ibérico. O parkour promove un respecto absoluto polo mobiliario urbano, xa que a rúa é, en sentido estrito, o seu ximnasio ao aire libre

LOCALIZACIÓNS

En busca de retos arquitectónicos

De acordo cos membros de Lugo Wolf Traceurs, a contorna da Praza de Augas Férreas é A Meca do parkour no contexto urbano da cidade. A disposición de múltiples e variados obstáculos arquitectónicos concentrados nunha mesma zona -balcóns e repisas de comercios abandonados, longos bancos de granito, bolardos e medias columnas onde ensaiar apoios,...-, facilita a realización dunha ampla gama de movementos distintos e dinámicos.

Zona centro

O particular deseño urbano da Praza de San Marcos, rico en cubos de granito e elementos decorativos situados a diversas alturas e distancias, é outra das zonas de referencia para os traceurs, así como, en menor medida, a Praza de Santo Domingo e o patio dianteiro do instituto A Nosa Señora Dos Ollos Grandes. O centro histórico, como a Praza do Pío XII, tamén é aproveitable, sobre todo polo seu rendemento á hora de capturar os exercicios en fotografía.

ORIXES

Superalo todo, nunca retroceder

Parcour -percorrido en lingua francesa-, é o termo tras o cal se atopan as orixes deste deporte creado a comezos dos noventa polo francés David Belle. O seu pai, Raymond Belle, bombeiro e militar, instruíuno no Método natural de Georges Hébert, unha serie de técnicas castrenses empregadas para superar os obstáculos naturais só coa axuda do corpo. Belle, de imaxinación bullente e ávido de aventuras, aplicaríao nos seus percorridos diarios polo seu Lisses natal. O obxectivo: superar todos os obstáculos da vida, nunca retroceder.

Evolución

Quizais quen máis faga por popularizar o parkour é o cine grazas á saga Yamakasi, inspirada no grupo do mesmo nome. Unha difusión na que se rebaixa a pureza orixinal do movemento a conta de gañar espectacularidade incorporando acrobacias circenses. Unha ramificación do parkour, o free running, creada por Sébastien Foucan, compañeiro de Belle, prosegue tamén con esta aposta prioritaria polo espectáculo como fin.

Comentarios