O xulgado aproba o Ere temporal para 23 empregados do concesionario de Opel

O xulgado do mercantil xa deu o visto e prace ao expediente de regulación de emprego (Ere) temporal para 23 traballadores do concesionario de Opel en Lugo, propiedade da empresa Moyvesa. Os empregados afectados recibiron xa a notificación e dispoñen de cinco días para facer alegacións antes de que a decisión sexa definitiva, segundo confirmaron onte fontes do sindicato CC.OO.

A previsión é que o Ere, que estaría en vigor durante tres meses, se efectivice de forma inminente, xa que foi solicitado polos representantes da xestión da empresa -que se atopa en proceso concursal- e os traballadores xa votaron a favor durante o período de consultas, en xuño.

O Ere afectará o groso do persoal, pero non á totalidade, xa que o obxectivo dos administradores concursais é que quede algún traballador en todos os departamentos da empresa, de cara a manter unha actividade mínima. Nestes momentos forman parte da plantilla 31 persoas, xa que houbo recentemente unha xubilación.

Entre os traballadores, así como entre os representantes sindicais, existen, no entanto, poucas expectativas de que manter aberta a concesión sirva nestes momentos para recuperar a viabilidade da empresa, dada a baixa actividade.

Boa parte dos traballadores esperaban con inquietude o Ere, sobre todo unha vez que non foron atendidas as súas peticións para abandonar a empresa e poder optar a outros traballos e que, ademais, débenselles salarios atrasados.

O persoal xa fixo pública recentemente a súa «desesperación» polos atrasos nos salarios, xa que moitos estaban a atoparse con que non podían facer fronte a gastos fixos e teñen fillos que manter.

O atraso nos pagos continúa, segundo confirmou onte CC.OO., que recordou que se debe aos traballadores medio mes de abril, dezaoito días de xullo, a extra de verán e o mes de xullo.

As débedas da empresa eran un dos motivos polos que os traballadores esperaban que se fixese efectiva a aprobación do Ere, xa que agora poderán comezar a cobrar os seus salarios do Inem.

De todos os xeitos, previsiblemente aínda terán que esperar polo menos a setembro para recibir os primeiros pagos do Inem, segundo apuntou onte CC.OO.

Unha empresa sen apenas actividade
Traballadores do concesionario de Opel en Lugo viñeron expresando as súas dúbidas sobre a viabilidade da empresa, onde a crise interna supuxo o fin das vendas de coches e onde son mínimos os labores nos talleres, xa que son poucos os condutores que levan os seus coches ao concesionario para facer reparacións ou revisións.

O Ere foi demandado, en tanto, para buscar unha saída temporal de gran parte do persoal mentres os administradores concursais intentan buscar unha saída á empresa.

Durante un tempo, Moyvesa intentou vender a concesión de Opel na capital lucense, pero non logrou chegar a ningún acordo e, en tanto, víronse arrastradas á crise outros concesionarios lucenses pertencentes á mesma firma, como Sistral, Autoprais e, en Viveiro, Helizauto.

Comentarios