O interlocutor ás veces castiga

Lo cojo o no lo cojo. SEBAS SENANDE
photo_camera Lo cojo o no lo cojo. SEBAS SENANDE

CADA VEZ QUE collo o teléfono fixo para atender unha chamada dun número descoñecido medito durante uns segundos a posibilidade de non descolgar. A culpa destas dúbidas téñena eses xa habituais teleoperadores que con amigable voz tratan de ofrecernos un produto que nin buscamos nin desexamos coñecer e aos que a maioría das veces escoitamos con paciencia jobiana para non parecer maleducados. E é que unha vez contestamos a chamada resulta difícil desembarazarse dun interlocutor que ou ben nos ofrece un seguro vantaxoso, unha irresistible tarifa de internet ou, no peor dos casos e se lle damos datos sobre o que pagamos por algo, dános a entender que somos uns auténticos curmáns.

E non é que teña nada en contra de quen viven do telemárketing, pero non estaría de máis que co primeiro «non me interesa» xa fose suficiente para ter por norma despedirse, para anotar logo a nosa renuncia nese computador onde teñen o noso nome e número de teléfono comprados a sabe dívos que traficante de datos.

O caso é que logo de ter unha media diaria de catro chamadas de ofertas non desexadas é normal que a un lle entren as ganas de dar de baixa o servizo. E vese que non son o único molesto con estas prácticas, posto que unha coñecida compañía de telefonía móbil vai comezar a ofrecer aos seus clientes a posibilidade de ter dous números, un para dar a familiares e amigos, e o outro para ofrecer sen receos a quen nolo pida. As chamadas entrarían todas ao mesmo teléfono, aínda que as realizadas ao número menos persoal van ir precedidas por un 22, de tal forma que teremos a opción de pensárnolo mellor antes de descolgar.

A iniciativa seguramente será secundada polo resto de compañías, conscientes de que o número de teléfono é algo persoal e privado, que non debe estar en mans de empresas ou de particulares descoñecidos. E por iso non acabo de entender como estando en vigor unha Lei de Protección de Datos existan aínda as guías de teléfonos, en papel e en internet, onde aparece o nome, a dirección e o número dos titulares. Porque aínda que é verdade que os abonados poden pedir á súa compañía que lles borren do listín público, a preguiza, o esquecemento ou a previsión de que algún familiar ou coñecido poida buscar o noso teléfono na guía fan que sigamos aparecendo nela.

De todos os xeitos, aínda que o telemárketing esgota a miña paciencia, teño que dicir que as enquisas telefónicas aínda me divirten e cando recibo a invitación para contestar a unha saco tempo para contribuír a un posible fracaso demoscópico. Porque agora que se achegan as eleccións municipais, o incauto operador que ouse chamarme para saber a miña opción política o que debería facer é borrar a enquisa cando tras 15 minutos de preguntas descubra que para min a única candidatura fiable é a de Carmen de Mairena.

Comentarios