O expersonal de Opel pode cobrar máis indemnización

LUGO. Os 28 extrabajadores de Martínez Automoción, antigo concesionario de Opel na capital lucense que pertencía ao grupo Moyvesa, poderían cobrar unha indemnización maior da que xa percibiron polo seu despedimento.

As portas a esta posibilidade ábreas unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que declara competente ao Xulgado do Social número tres de Lugo para celebrar a vista pola demanda presentada en maio do ano pasado polos sindicatos CC.OO. e CIG, en nome do persoal desta firma de motor, para que se recoñecese a extinción dos seus contratos «por falta de ocupación efectiva».

Este fallo xudicial prodúcese despois de que os exempleados de Martínez Automoción percibisen en xaneiro pasado as súas indemnizacións do Fogasa, 20 días por ano traballado -que é o que lles corresponde aos afectados por un Ere ou por un concurso de acredores-, e están a cobrar a prestación de desemprego, os que aínda non puideron refacer a súa vida laboral.

Sentenza pioneira

O secretario da federación de industria de CC.OO., José Luís López, destacou onte que é «a primeira vez que se dita unha sentenza deste tipo referida a Lugo. Crea xurisprudencia. Ata agora os casos por concursos de acredores derivábanse ao xulgado mercantil, no canto da os do social». Esa vista, segundo este sindicalista, «deberíase celebrar nun par de meses».

Se finalmente o xulgado recoñece os despedimentos, aos exempleados corresponderíalles unha indemnización de 45 días por ano traballado. Esa cantidade non a percibirían porque a súa empresa, que está a piques de ser liquidada, é insolvente. Entón teríase que facer cargo o Fogasa, que lles pagaría 30 días, dez máis dos que xa lles abonou.

Os representantes dos traballadores presentaron a demanda de extinción de contratos alegando falta de ocupación e adeudamiento de salarios. Pero os administradores concursais e a fiscalía entendían que debía ser o xulgado mercantil o que resolvese. O xulgado do social número tres inhibiuse a favor deste. Entón os afectados presentaron un recurso de suplicación ante o TSXG, que lles acaba de dar a razón.

Comentarios