O escritor Paco Martín lerá o pregón de San Froilán

Paco Martín. (Foto: AEP)
photo_camera Paco Martín. (Foto: AEP)

O San Froilán 2011 xa ten pregoeiro, aínda que de momento só de forma oficiosa. O escritor lucense Paco Martín dará o pistoletazo de saída ás patronais lucenses o 4 de outubro. É a proposta do PSOE, ao que segundo a quenda acordada co resto de grupos municipais, este ano tócalle elixir ao pregoeiro.

O alcalde, José López Orozco, dará o nome de Paco Martín na reunión da comisión de festas que se celebrará o luns e sería estraño que non contase co respaldo do resto dos grupos.

Martín, ademais de lucense, é un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos e apreciados tanto polos seus compañeiros de profesión como polo público.

No mes de xuño, foi nomeado socio de honra coa letra E pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, nun cariñoso acto celebrado e que incluíu unha recepción no Concello..

Martín publicou a súa primeira obra en 1971 -unha selección de pezas narrativas baixo o título ‘Muxicas no espello'-, pero a maior notoriedade chegoulle en 1985, coa edición do libro ‘Das cousas de Ramón Lamote'.

A novela valeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986 e o autor converteuse nun referente da literatura infantil e xuvenil.

Ademais, o goberno local considera que Martín reflexa á perfección o espírito lucense e é apreciado polos seus veciños, polo que na súa opinión resulta a persoa ideal para abrir o San Froilán, unhas festas que non só gozan os residentes na capital senón que son un referente na provincia e incluso no resto de Galicia.

Comentarios