A Xunta sitúa a Lugo como centro referencial para o interior de Galicia

A área urbana de Lugo, conformada por esta localidade e a veciña de Outeiro de Rei, será o centro referencial para zonas moi débiles do interior de Galicia, polo que xogará un papel fundamental á hora de mellorar a oferta de servizos para o seu ámbito de influencia.

Con esta finalidade, as Directrices de Ordenación do Territorio contemplan a necesidade de actuacións que melloren a súa conectividad co resto das cidades galegas e cos espazos do seu contorno, para o que a medio prazo serán "esenciais" as conexións de AVE, segundo sinala o documento, á parte das vías de alta capacidade.

Tamén se recolle como iniciativa estratéxica para este espazo urbano a necesidade de fortalecer as súas actividades produtivas. Na provincia de Lugo, o sector primario dobra a media rexional, pero soamente ten un 10 por cento das empresas de Galicia que achegan algo máis do 6 por cento dos ingresos totais, do mesmo xeito que a provincia de Ourense.

En todo caso, o texto reflexa que a creación do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) permitirá dar un "salto cualitativo importante" para o desenvolvemento do sector agroalimentario. No ámbito da innovación, destaca o campus lucense, o Hospital Clínico Universitario e, no fortalecemento dotacional xeneral, o novo Hospital xeral e o Auditorio.

Como no resto das cinco áreas urbanas a potenciar, estudarase a posibilidade de implantar unha rede de proximidade por ferrocarril, metro lixeiro ou tranvía en Lugo. Ademais, contará cun parque empresarial estratéxico conectado á rede de estradas de altas prestacións e a rede ferroviaria.

Xa no ámbito provincial, fortaleceranse os servizos de FEVE Ferrol-Ribadeo como un elemento de integración dos sistemas urbanos do corredor Cantábrico, e o sistema portuario Ferrol-San Cibrao contará con acceso ferroviario e enlace coa rede xeral do Estado a través dunha vía de alta capacidade.

Comentarios