O gasto social será a ''estrela'' dos orzamentos de Lugo para 2015

O alcalde de Lugo, José López Orozco, avanzou este xoves que o "proxecto estrela" dos orzamentos municipais para o próximo ano que prepara o seu goberno será o gasto social, á vez que anuncia que haberá menos investimento, unha circunstancia que cre compensada cos proxectos de obras incluídos no pacto co PP sobre o remanente. O alcalde fixo estas declaracións nunha rolda de prensa na que explicou que os orzamentos serán debatidos nun pleno extraordinario que se celebrará o 29 de decembro.

Preguntado polos xornalistas sobre as liñas xerais das contas municipais, Orozco dixo que a elaboración das partidas está "avanzada", aínda que non exenta das "dificultades" que, segundo aclarou, "veñen dadas polo teito de gasto". Ademais, indicou que o Concello terá que afrontar o próximo ano un aumento dos custos dalgúns servizos, como o subida canon de Sogama, un incremento que contrastou coa decisión de conxelar un ano máis as taxas, impostos e prezos municipais.

O rexedor insistiu en que a pesar destes problemas, a prioridade do seu goberno seguirá sendo o gasto social, entendendo por iso o investimento en persoas "tanto na área de educación ou servizos sociais, o que comunmente se coñece como benestar social. Esa vai ser a nosa prioridade", salientou.

Comentarios