Os comercios do centro de Lugo renegocian os alugueres á baixa

Algúns donos de locais comerciais no centro histórico da capital lucense víronse obrigados a renegociar os alugueres das súas propiedades "á baixa", como consecuencia da importante caída de ingresos que sufriron os establecementos asentados nesas superficies por mor da crise económica, segundo informou o presidente do centro comercial aberto Lugo Centrum, José Sánchez Bergantiños.

"Están a renegociarse contratos, porque por mor da crise as vendas non son como eran e cada un ten que arranxarse co que ten", explicou Sánchez Bergantiños. En todo caso, deixou claro que "practicamente todos os locais do centro histórico de Lugo están en proceso de renovación ou xa foron ocupados", en moitos casos por negocios que non funcionaron "no arrabalde", onde hai moitos establecementos pechados "de todos os sectores, tanto de téxtil, como de calzado" e incluso de de "hostalería".

Ao seu xuízo, os clientes atopan no centro histórico lucense "unha oferta grande, en comparación con outros centros comerciais abertos", e recordou que, ademais dos establecementos familiares, "todas as franquías están a situarse aquí".

Con respecto á baixada de prezo dos alugueres, opina que non era "de recibo" que os donos dos establecementos vivisen case exclusivamente das "rendas que lles proporciona un local comercial", porque "fai catro cinco anos, por un local de 100 metros cadrados estaban a cobrar entre 4.000 e 6.000 euros". Agora, por mor da crise, "as rendas están bastante máis baixas".

Caída da poboación
Por outra banda, Sánchez Bergantiños expresou o seu desexo de que "o retorno do comercio viñese acompañado do regreso dos habitantes" ao centro histórico da cidade, porque a pesar de que as cousas cambiaron nos últimos anos, aínda hai "un despoboamento importante" en moitas rúas do centro.

Ao seu xuízo, "os comercios abertos dan vida a unha cidade, porque garanten seguridade e limpeza". Con todo, opina que fai falta algo máis para que o centro histórico recupere a súa antiga vitalidade. Nese sentido, expresou a "preocupación" do gremio polo inminente traslado do centro de especialidades da Praza do Ferrol ao novo hospital, situado na zona de San Cibrao, ou o cambio de sede da Seguridade Social, que agora se atopa na Avenida de Madrid.

Por iso, confía en que "as institucións fagan todo o posible" para que os edificios que ocupaban ambos servizos, en pleno centro de Lugo, non "queden baleiros" e sigan sendo un foco de atracción de persoas cara ao centro histórico, porque repercutirá positivamente no comercio local.

Sánchez Bergantiños fixo estas declaracións durante a presentación dunha campaña para fomentar o uso do galego no comercio lucense, financiada con 12.000 euros pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Antón Bao.

Comentarios