miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

Ditram asume as concesións das marcas Honda e Nissan en Lugo

Rubén Gil, gerente de Ditram. (Foto: EP)
Rubén Gil, gerente de Ditram. (Foto: EP)

Ditram Automoción xa se fixo coas concesións en Lugo das marcas Honda e Nissan, que estaban en mans do grupo ourensán Moyvesa, inmerso nun concurso de acredores, a través das súas sociedades Sistral Auto e Autoprais, respectivamente.

Esta firma mantén os servizos de vendas e posventa de ambas marcas nipoas nas mesmas instalacións, sitas na Estrada da Coruña, e cos mesmos postos de traballo que tiñan, 19 en total.

Para xestionar estes concesionarios Ditram constituíu dúas novas sociedades, Indotur Motor para Fonda e Fergil Auto para Nissan, segundo deu a coñecer onte o xerente da empresa matriz, Rubén Gil, quen dixo que pretenden así «dar o mellor servizo posible aos usuarios de toda a provincia».

Ditram xa desembarcou en setembro do ano pasado en ambos os concesionarios, que entón apenas tiñan actividade debido a que o grupo ao que pertencían, Moyvesa, presentara tres meses antes concurso de acredores.

Ata que se fixo coas concesións, operación que se demorou por esa situación procesual na que se atopaban, esta firma achegoulles apoio financeiro para que puidesen continuar coa súa actividade de venda e postventa, xa que a súa falta de liquidez tíñaos asfixiados economicamente para poder adquirir vehículos e recambios ás súas marcas.

O acordo para asumir estas concesións concretouse apenas uns días antes de que o xulgado mercantil de Lugo decretase a disolución de Sistral Auto e Autoprais, do mesmo xeito que a das outras dúas empresas que Moyvesa tiña na provincia, Martínez Automoción e Helizauto.

Tamén case coincide no tempo con outro movemento de ficha que se produciu no sector automobilístico lucense, a asunción por parte de Roysan Auto da concesión de Opel en Lugo, marca da que era distribuidora oficial outra das sociedades concursadas do grupo ourensán, Martínez Automoción.

Presentación

A posta de longo en Lugo destas dúas marcas xaponesas da man de Ditram producirase no II Salón do automóbil e industrial auxiliar, SalonAuto, que se celebrará entre os días 11 e 13 deste mes no Pazo de Feiras e Congresos. O ano pasado non estiveron representadas neste certame dada a situación económica dos seus concesionarios.

Rubén Gil dixo que aproveitarán a celebración deste salón do vehículo novo, que en 2010 recibiu a uns 18.000 visitantes, para «facer o lanzamento» na capital lucense dos últimos modelos de Nissan e Honda.

Ditram acaba de cumprir as súas vodas de prata. Leva 25 anos asentado en Lugo, deles os últimos cinco nas instalacións da Campiña. Estas dúas marcas nipoas se suman ás concesións que xa tiña de Mercedes-Benz, Chrysler, Jeep e Dodge. Este grupo conta cun persoal formado en total por uns 75 traballadores.

Ditram asume as concesións das marcas Honda e Nissan en Lugo
comentarios