Dezanove reclusos de Bonxe finalizan a condena desde a súa casa

El modelo de pulsera que se coloca en el pie (Foto: SEBAS SENANDE)
photo_camera El modelo de pulsera que se coloca en el pie (Foto: SEBAS SENANDE)

Dezanove reclusos cumpren condena na provincia de Lugo desde os seus domicilios, a través dun sistema de control telemático que lles permite facer vida practicamente normal. Trátase dun sistema de localización que se conecta ao teléfono da vivenda e que funciona a través dunha pulseira que leva o recluso e que dispón dunha alarma que salta na Unidade de Vixilancia Electrónica, situada en Madrid, se o usuario excede o perímetro que se lle fixa.

Os 19 usuarios deste sistema son ex internos da prisión de Bonxe, porque para beneficiarse desta medida alternativa a prisión é necesario que cheguen ao terceiro grao e no centro penal de Monterroso este non existe.

A xunta de tratamento do centro é quen decide sobre a concesión destas penas de localización permanente, que deben ser solicitadas polos interesados e que constitúen unha proba de liberdade que se basea no principio de máxima confianza.

Claro que, para beneficiarse desta medida, os condenados teñen que pasar xa por outras fases e, sobre todo, teñen que ter acreditada unha excelente evolución. Os pasos previos son o goce de permisos, a adquisición do terceiro grao restrinxido —deben acudir a durmir ao centro todos os días— e o terceiro grao pleno, só de luns a xoves.

En principio, a pena de localización permanente por medios telemáticos non está restrinxida a ningún tipo de preso, pero é moi difícil que un homicida ou un agresor sexual, por exemplo, cheguen a obtela, explica o subdirector de Tratamento de Bonxe, Miguel Ángel Rodríguez Montero.

O perfil dos 19 ex reclusos que cumpren a condena desta forma na actualidade é diverso —o centro penal rexeita dar datos—, pero teñen en común a súa baixa ou nulo perigo social.

O número de internos de Bonxe que deixan a prisión e pasan a ser controlados telemáticamente adóitase manter entre vinte e trinta ao longo do ano e entre eles adoita haber, por exemplo, condenados por violencia de genéro ou delitos sexuais que concluíron as dúas terapias que levan a cabo no centro —son diferentes e unha dura algo máis dun ano e outra, preto de dous— e que teñen unha boa evolución penal e social.

Funcinamiento
Institucións Penais conta con varios dispositivos de control telemático, aínda que na provincia de Lugo de momento só se utiliza a pulseira.

Unha vez a xunta de tratamento autoriza a medida, persoal de Bonxe desprázase ao domicilio do condenado para instalar o mecanismo, que consta dunha unidade que se conecta ao teléfono e unha pulseira que se programa cun perímetro e que leva unha alarma que salta na prisión se o usuario se excede dese límite, que coincide coa vivenda.

O penado pode elixir entre unha pulseira de man, máis pequena, ou outra de nocello máis grande pero que se pode ocultar baixo o pantalón e que adoita ser a preferida precisamente por esta razón.

E é que o persoal coloca a pulseira cando o interno empeza a cumprir a pena no seu domicilio e non se lle retira ata que a finaliza e obtén a liberdade condicional, polo que, aínda que parte do día e os fins de semana non está activa, lévaa sempre posta.

O tempo de control é de oito horas e o horario establécese de acordo cos intereses do penado, xeralmente pola noite, para que o resto do tempo poida cumprir coas súas obrigacións laborais ou familiares. No entanto, sempre hai excepcións, xa que se poden dar casos de persoas con empregos nocturnos, como panaderos ou traballadores do mar.

Trátase dun sistema de control que xera un alto grao de satisfacción entre os seus usuarios porque lles evita desprazarse ao cárcere para durmir, algunhas veces desde puntos moi distantes da provincia, e, sobre todo, empezar a normalizar a súa vida tras o tempo pasado en prisión.

Con todo, os beneficiarios destas medidas deben presentarse como mínimo unha vez ao mes ante os servizos sociais penais para que estes poidan facer un mellor seguimento da súa evolución. 

Comentarios