Detido un vidente que lle cobrou 1.700 euros a unha lucense para que lle tocase a lotería

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) detiveron a un vidente, natural de Guinea-Bissau, que ofrece os seus servizos nun gabinete situado nunha céntrica rúa da cidade de Lugo, como presunto autor dun delito de estafa, por cobrarlle a unha veciña da capital lucense 1.700 euros "para que lle tocase a Lotería". O máis curioso é que o home, que responde as iniciais B.D e ten 39 anos de idade, dixo na súa declaración que enviara o diñeiro ao seu país, para que o seu propio pai sacrificase seis vacas e repartise a súa carne entre os habitantes do pobo, porque desa forma a muller resultaría premiada.

O vidente foi denunciado o xoves día 10 pola suposta vítima, unha veciña da cidade de Lugo que xa acudira ao seu gabinete en varias ocasións. A muller explicoulle aos axentes da Policía Xudicial que lle pediu axuda "para que lle tocase a lotería" e este, supostamente, solicitáralle, como condición para realizar este servizo, que lle entregase un sobre con 1.700 euros en metálico.

Cando a muller lle entregou o diñeiro, o vidente pediulle que se fose do seu domicilio, coa escusa de que necesitaba estar só para "poder concentrarse". Ante a desconfianza da suposta vítima, garantiulle que lle cantidade que lle entregou "non sairía da casa".

Con todo, cando a muller regresou á vivenda do suposto estafador, máis ou menos unha hora despois, comunicoulle que xa non tiña o diñeiro, porque se viu obrigado a enterralo. En calquera caso, para tranquilizala, aseguroulle que llo devolvería ao cabo duns días.

Declaración do vidente
Ao producirse a denuncia, o vidente foi detido por efectivos da propia comisaría provincial, como suposto autor dun delito de estafa. Na súa declaración, explicou que a muller lle pediu que usase "a súa maxia" para que lle tocase a lotería. Pero en contra da versión da suposta vítima, afirmou que a informou de que necesitaba o diñeiro entregado, 1.700 euros, para realizar "un sacrificio".

O diñeiro, sempre segundo a versión do detido, foi enviado a Senegal a través dun intermediario, que se ocupou de entregarllo ao seu pai, tamén "astrólogo". Ademais, precisou que fora utilizado para comprar seis vacas e darlle para comer a todo o pobo, posto que ese sacrificio sería, precisamente, o que lograría que á muller tocáselle a lotería.

En calquera caso, tamén recoñeceu, e así llo fixo saber presuntamente á súa clienta, que non sabía "cando lle ía a tocar" e moito menos precisar "un día, un mes ou un ano". Simplemente, aconselláralle que "xogase ao mesmo número de sempre".

Tras prestar declaración na comisaría provincial, o vidente, que carece de antecedentes policiais, quedou en liberdade con cargos, á espera de que a autoridade xudicial tome unha decisión.

Comentarios