Dereito a vivir acenderá 1.500 velas na muralla contra a Lei do aborto

O colectivo Dereito a vivir acenderá o próximo 4 xullo, un día logo da manifestación ante o Tribunal Constitucional en Madrid, 1.500 velas na muralla romana de Lugo, para expresar o seu rexeitamento á inminente entrada en vigor da reforma da Lei do Aborto.

A delegada deste colectivo en Lugo, María Emilia Martínez, explicou que esas velas representarán "aos 1.500 millóns de nenos que morreron polos abortos practicados en España nos últimos 25 anos".

Ese acto será acompañado por unha marcha silenciosa, que partirá ás nove da noite da Porta de Santiago e terminará na torre da Mosqueira. Emilia Martínez precisou que nese pequeno traxecto exhibirán pancartas coa lema da concentración, "Un día de loito, 365 días de loita pola vida", e bandeiras de Galicia e de España con crespóns negros. Ademais, iluminarán o seu camiño "con fachos", para darlle "máis visibilidade a este acto".

Desde Lugo tamén partirá un día antes, o sábado 3 de xullo, un autobús para participar na concentración fronte ao Tribunal Constitucional. O prezo da viaxe será de 17 euros.

Comentarios