Crítica con moita faragulla no adeus a Don Carnal

ELP1003P11F3.JPG
photo_camera ELP1003P11F3.JPG

Máis de cen persoas, entre confrades e plañideras, participaron onte no solemne desfile do enterro da sardiña. O acto, organizado pola asociación Pepe Barreiro, foi seguido no seu percorrido polas rúas do centro por numerosos curiosos, que escoitaron con atención os tradicionais ferretes, versos críticos cos que se repasa en clave de humor o máis destacado da vida política e social da cidade.

O Gran Espetón e artista José Blázquez, encargado como é habitual de dar lectura aos versos, non deixou monicreque con cabeza. Alusións xocosas a todos os grupos políticos e a súa carreira cara ás eleccións municipais, críticas polo atraso do auditorio ou do museo da romanización, un recordo cariñoso para Lucía do Incio e a súa participación en Eurovisión ou cuestións como o traslado ao novo hospital ou o conflito do Garañón non faltaron no repertorio deste ano.

O retrouso, que os confrades e plañideras repiten logo de cada ferrete, tomou prestada a música da tradicional panxoliña ‘Os peixes no río', aínda que cun sentido moito máis escatológico. «Cagan e cagan e volven a cagar, os cans pola muralla e os donos a mirar», repetiron.

Os premiados polos seus ferretes nesta ocasión foron o autor baixo o pseudónimo A Cirila polo seu retrouso, polo que recibirá 150 euros; O Rufo recibirá 100; Xanetiña, 50 e Meus Canciños; 30. Ademais, por un dos seus ferretes recibirán 10 euros A Cirila, Xanetiña, Meus Canciños, Argalleiro e O Rufo; por dous dos seus versos Vagalume, O Meco, A avoa do Gus e O Pichi e por tres, A Parranda. Tamén se outorgaron accesits de dez euros a Manolito o Parrandero por dous dos seus ferretes e a Volvoreta e Vagalume por un deles.

A asociación Pepe Barreiro informa a todos os compositores premiados que poden retirar o importe do seu galardón da oficina de Cultura do Concello a partir de mañá.

Coas tradicionais paradas para recuperar forzas grazas a viños e petiscos, os confrades completaron o percorrido desde o Círculo ata a Praza Maior de novo, logo de pasar por distintas rúas do centro. As plañideras e viúvas afanáronse en demostrar a súa profunda dor pola despedida a Don Carnal, mentres que a comitiva tivo un recordo de ánimo para os lucenses que, por mor da crise, están a pasar unha mala época.

Comentarios