Cirurxiáns do Hula quéixanse pola rescisión de contrato dunha compañeira

Cirurxiáns do Hospital Lucus Augusti de Lugo remitiron unha carta ao xerente, Francisco Vilanova, para queixarse pola rescisión do contrato a unha médica desta especialidade, segundo informou o responsable da Federación de Servizos Públicos de UXT, Eliseo Rivas.

Na carta, os profesionais expresan o seu rexeitamento "á medida que vai tomar a xerencia de reducir o apoio que viñan prestando dúas cirurxiás", tanto para a actividade diaria como cirúrxica e que estaban contratadas. "Agora rescíndeselle o contrato a unha delas, o que vai ir en detrimento do servizo", advirten.

Ademais, o representante de UXT sinalou que "só" funciona un quirófano, o que conduce a un "aumento considerable en intervencións cirúrxicas, sobre todo en patoloxías tumorais".

Rivas avogou por que se incremente o persoal do Lucus Augusti, "non só con persoal facultativo senón en todas as categorías profesionais". O sindicalista protestou pola imaxe que se transmite, "de profesionais correndo polos corredores a buscar analíticas ou que non funcionen os aparellos para poder comunicar correctamente a información". "Estas situacións xeran tensión en todas as categorías profesionais", advertiu.

Comentarios