Carballo asegura que o PP ten que darlle a Lugo "un goberno estable"

O subdelegado do Goberno pediu que se supere "o esperpento" vivido nas institucións lucenses ► Resultou elixido presidente local do Partido Popular co 98,8% dos votos ► Feijóo pide "lealdade, unidade e traballo en equipo" aos militantes para "substituír as leas e bloqueos pola política útil"

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, asegurou este venres que o PP ten que darlle á capital provincial un goberno estable, que permita superar o "esperpento" vivido nas institucións lucenses. Carballo fixo estas declaracións durante o congreso local do Partido Popular, do que saíu elixido presidente co 98,81% dos votos. 

No congreso —ao que asistiu o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo— votaron un total de 421 militantes populares e rexistráronse tres papeletas nulas e dúas en branco.

Carballo estará acompañado na executiva local do partido por Enrique Rozas como vicepresidente e Mari Teijeiro no cargo de secretaria xeral, como xa se anunciara. Completan a dirección de agrupación Manuel López Fernández —vicesecretario de medio rural—, Mar Carballas —vicesecretaria de comunicación e portavoz do comité executivo—, Javier Vázquez Prado —vicesecretario de programas e mocidade—, Antonio Ameijide —vicesecretario de políticas de emprendemento— e Javier Vázquez Nodal como vicesecretario de coordinación de procesos electorais e relación cos afiliados.

Carballo comprometeuse a "traballar desde hoxe mesmo" para que todos os afiliados se vexan "representados nesta directiva"


O novo comité executivo terá de vogais a José Luis Castro, Alberto Lugilde, Teresa Taboada, Juan Carlos Plaza, José María Carballido, Manuela Ferreiro, José Antonio Fernández, Eugenia Vizcaíno, José Manuel Dobarrio, Agustina Fernández, Juan Francisco Méndez, José Ángel Pardo, Carlos Vázquez, Alfonso Ibias, Vicente Quintas, Manuel Rodríguez, Francisco López, Jesús González, Carmen López, José Núñez, Noemí Bello, Raquel Castiñeira, José Manuel Pereiro e Zoila Sánchez, estes dous últimos a proposta do presidente.


"LEALDADE, UNIDADE E TRABALLO EN EQUIPO". O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, clausurou o congreso local do PP de Lugo pedindo "lealdade, unidade e traballo en equipo" a todos os afiliados porque entende que a cidade "merece un proxecto que lle devolva a fe no seu Concello".

O máximo mandatario dos populares galegos destacou que Ramón Carballo "leva moitos anos facendo esa política que de verdade importa: a que lles supón beneficios reais e tanxibles aos veciños" e tamén agradeceu a Jaime Castiñeira o seu labor nos últimos sete anos "nos que tivo a Lugo sempre na cabeza e non corazón". 

"Xuntos imos substituír as leas e bloqueos pola política útil, xuntos imos ofrecer solucións aos problemas dos cidadáns", resaltou, en contraposición ao "precario tripartito" que na súa opinión goberna na cidade como "laboratorio de ideas" do PSOE.

"A ÚNICA FORZA ESTABLE". A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, felicitou a Carballo, de quen destaca "a súa calidade humana". "É esta lealtade ao partido e aos seus o que o fai grande", sinalou, asegurando que "liderará un gran equipo", cos que se traballará conxuntamente desde a dirección provincial. 

"Hoxe quedou claro que somos a única forza estable", insistiu Candia, valorando a "única lista" presentada, nacida do "consenso e da xenerosidade política". "Outros partidos non poden dicir o mesmo", reiterou.

CARBALLO DESTACA O "TALENTO E TALANTE" DA EXECUTIVA. Pola súa banda, Ramón Carballo comprometeuse a "traballar desde hoxe mesmo" para que todos os afiliados se vexan "representados nesta directiva", destacando no "talento e talante" dos membros que compoñen a candidatura. 

"Fortalecernos como partido para ilusionar a esta sociedade que leva demandando gobernos que se preocupen máis dos problemas da xente e non dos seus propios", insistiu. 

Por iso, comprometeuse a crear un partido "dinámico e aberto", e non "unha estrutura ríxida e inmóbil". "Aquí non sobra ninguén e todos podemos achegar algo, pois quero que poidades dicir o partido que queredes, pero sempre coa responsabilidade dentro dun proxecto nacional, galego e provincial". 

Así, animou a traballar ante a "inmensa tarefa" que queda por diante e "nunca descoidar nin esquecer" o partido, para así devolver ao PP ao Goberno da cidade e, con iso, "levar á Deputación un goberno responsable".

Comentarios