Broche de ouro para as festas, coa asistencia dunhas 200.000 persoas

A semana de festas de San Froilán empezou coas máis agoreiras predicións meteorolóxicas, pero chegou ao seu termo cun día radiante de outono que converteu a última xornada no día de maior afluencia dos festexos. Segundo as estimacións de Protección Civil, unhas 200.000 persoas pasearon onte polo feiral, o lugar onde máis se deixou sentir a asistencia de visitantes. Esta cifra supera o rexistro do Domingo das Mozas, cando se calculou en 170.000 o número de visitantes.

O goberno local aínda non estaba en disposición de ofrecer onte o cómputo global das festas, pero a percepción na rúa e dalgúns hostaleiros é que non se alcanzou o nivel de asistencia do ano pasado, cando se cifrou nun millón de persoas os visitantes do feiral.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, sinalou que «salvo o día que choveu, a impresión é que foi un San Froilán moi bo, na liña de todos». Con todo, o sector que preside, en torno ao que as festas viran en gran parte, percibe «que a xente consome menos», o que se traduce en menos comidas de carta e máis menús do día ou incluso «nalgúns casos un mesmo menú para compartir, sobre todo no caso dos nenos». Deste xeito, o balance da caixa rexistradora será menor aínda que a afluencia sexa parecida a outros anos, calcula o presidente dos hostaleiros lucenses.

En todo caso, incluso coa contención do gasto, as patronais seguen sendo «a mellor época do ano». «Por agora é mellor que o Arde Lucus», asegura Real, non só porque son máis días de festa senón tamén porque «a xente é máis variada».

En canto á ocupación hostaleira, tampouco se realizou aínda o cómputo total debido a que onte foi xornada festiva, pero o vicepresidente da asociación, Jacobo García-Bobadilla, considera que houbo «dous sábados moi bos, o do día 2 e 9», cando a maioría dos establecementos hostaleiros da cidade estiveron ao 100%. Tamén o día 11 rexistrou un alto nivel de pernoctaciones.

Con todo, o resto dos días «houbo altibaixos». As vésperas e o inicio das festas foi frouxo, debido en gran parte ao mal tempo, especialmente o día 3, domingo.

Logo, durante a semana «estivo máis parada». García-Bobadilla tamén considera que o programa de festas incluíu menos actuacións que outros anos, o que restou ambiente festivo e, quizais, pernoctacións. «Non houbo tanta programación, quizais pola crise. Faltou ouvir ruído, máis charangas na rúa. A festa foi un pouco máis suave que outras veces», asegurou.

A pesar de non ter todos os datos, pode ser indicativo o nivel de ocupación de dous establecementos moi distintos. Un céntrico e de catro estrelas, como o Gran Hotel, que rexistrou taxas de entre 70% e o 100% entre os días 5 e 12, coa excepción do día
7, co 50%; e outro máis afastado do centro e de categoría inferior, como a residencia Bríos —hostal de tres estrelas— que tivo unha ocupación do 100% practicamente todos os días da festa. «Se máis tivese, máis enchería», sinalaba onte o seu xerente, José Luís Jato.

Seguridade: A baixa de 32 axentes marca o dispositivo
O elevado número de baixas rexistradas durante as festas nas filas da Policía Local marcou o dispositivo de seguridade deseñado para o San Froilán. Ao redor dunha quincena na primeira ponte e ata 32 licenzas médicas no do Pilar obrigaron a reaxustar as quendas establecidas e tamén a reducir as libranzas dos policías locais que si estaban operativos. A pesar da situación xerada, non houbo grandes problemas de seguridade.

Comentarios