Balseiro: "Levo un mes esperando para reunirme con Campos"

Como delegado da Xunta, di estár "disposto" a falar de "eses temas" que requiren da implicación de ambas as administracións, pero que o presidente da Deputación non responde á súa petición
José Manuel Balseiro
photo_camera José Manuel Balseiro

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, afirmou que leva "máis dun mes esperando" para recibir resposta por parte da Deputación de Lugo á solicitude dunha entrevista oficial co seu presidente, Darío Campos, dentro da rolda de contactos que está a manter coas distintas institucións desde o seu nomeamento oficial.

"Co presidente da Deputación non puiden falar", dixo Balseiro, máis aló das conversacións informais que mantivo con Darío Campos no municipio da Pontenova ou cando se atopou con el en Fitur.

"Hai un mes que lle pedín esa entrevista", insistiu ante a prensa o delegado territorial da Xunta de Galicia, pero de momento "non tiven resposta".

Balseiro asegurou que, como delegado territorial da Xunta de Galicia, está "disposto" para falar de "eses temas" que requiren da implicación de ambas as administracións, como pode ser o equipamento do novo auditorio da capital lucense, pero está pendente de que se poña data" para esa reunión por parte do goberno provincial.

"Quero pensar que está moi ocupado, cada un sabe das súas axendas", dixo Balseiro, quen tamén asegurou que el "non tarda un mes en darlle cita a ninguén", nin aos representantes institucionais que piden reunións con el nin aos propios "veciños" da provincia.

Comentarios