lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

A Aula Tic Pemes, candidata a un premio nacional de tecnoloxía

O proxecto Dinamizadores que leva a cabo a Aula Tic Pemes atópase na fase finalista dos premios Fundetec 2010 na categoría de Mellor Proxecto de Entidad Pública ou Privada destinado a Pemes Microempresas e Autónomos.

A Aula Tic Pemes, radicada na facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do campus e dirixida por Ángeles López Cabarcos, é un grupo que traballa pola divulgación das novas tecnoloxías. O proxecto Dinamizadores Tic, que empezou hai catro anos, recluta a un grupo de estudantes de último curso da facultade de ADE que, despois de recibir formación, asesoran a empresas e asociacións na implantación de ferramentas de xestión do coñecemento baseadas na utilización de software libre. Os membros do equipo levan a cabo un proceso de seguimento e apoio da implantación con actividades de formación e titorías dirixidas ao persoal das empresas. 

As ferramentas que axudan a implantar inclúen programas de xestión de clientes, plataformas de xestión de recursos empresariais e traballo colaborativo ou ferramentas de comercio electrónico. Trátase de aplicacións de uso normal nas grandes empresas, pero que moitas veces non teñen presenza nas de menor tamaño.

Na actualidade, o proxecto Dinamizadores está contactando con pequenas e medianas empresas de Lugo que estean interesadas en coñecer estos recursos; as que acepten recibirán a axuda dos dinamizadores na implantación e uso destas ferramentas.

O proxecto da Aula Tic Pemes concorre na súa categoría con outras dúas candidaturas: a do Laboratorio Interprofesional Lechero e Agroalimentario de Asturias e a da Plataforma Tecnológica eContainers. O ditame darase a coñecer o vindeiro 3 de febreiro en Madrid. A fundación que convoca os galardóns xurde da colaboración da Administración pública e o sector privado para crear un marco sen ánimo de lucro e aberto para potenciar a sociedade da información en España.

Ángeles López Cabarcos sinalou que se presentaron 183 proxectos a esta convocatoria «polo que quedar finalistas é motivo máis que suficiente para estar satisfeitos». Este proxecto é a única representación galega entre os finalistas.

A Aula Tic Pemes, candidata a un premio nacional de tecnoloxía
comentarios