Agradecidos por partida dobre

Cáritas celebró en enero con un acto sus 50 años. (Foto: X. Ponte)
photo_camera Cáritas celebró en enero con un acto sus 50 años. (Foto: X. Ponte)

cáritas lugo continúa de celebracións polo seu medio século de vida. Durante a xornada de onte, esta ONG quixo render unha pequena homenaxe ás institucións que colaboraron, ao longo destes anos, con ela dun xeito ou doutro.

Estas institucións foron o Concello, representado polo alcalde, José López Orozco; a Deputación, representada pola deputada Regina Polín; a Xunta, coa delegada á fronte, Raquel Arias; a subdelegación do Goberno, representada por Ramón Carballo; a Axencia Tributaria, co delegado á fronte, José María Núñez, e a USC, representada polo seu vicerreitor de Coordinación, Pedro García Herradón.

O director de Cáritas, Ginés Plaza, e o delegado, Antón Negro, fixeron entrega dunha figura en metracilato co logotipo da ONG aos distintos representantes institucionais en sinal de agradecemento pola axuda prestada durante este medio século de existencia en Lugo.

Ao finalizar o acto e, tras unha foto de familia, tomou a palabra o alcalde, quen manifestou tamén o seu agradecemento por todo o traballo que está a realizar Cáritas coas clases máis desfavorecidas.

«Nós tiñamos que ser os agradecidos da existencia de Cáritas. Que sería de moitos lucenses se non existise Cáritas? Por iso quero darlle as grazas pola súa asistencia social sen preguntar nada máis que as necesidades de cadaquén», dixo José López Orozco, que engadiu que Cáritas realiza «un marabilloso traballo por unha sociedade mellor».

O alcalde terminou facendo referencia ás orixes de Cáritas. «Procededes do cristianismo, que di que todos os homes somos irmáns e iso é o que vos move todos os días», indicou López Orozco.

Comentarios