Aberto un tramo de paseo interior con ximnasio ao aire libre e xogos

Orozco probó uno de los aparatos biosaludables de la nueva zona verde (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Orozco probó uno de los aparatos biosaludables de la nueva zona verde (Foto: Xesús Ponte)

A rolda interior da muralla gañou onte uns metros máis coa apertura ao público dun novo tramo desde o que se accede a través da Praza do Cantiño. O alcalde José López Orozco presidiu onte a inauguración desta nova zona verde no centro da cidade, na que tamén se instalou unha zona de aparellos de ximnasia para maiores e outra de xogos infantís. «Queremos que sexan usados polos nenos que van a Campo Castelo, onde ás veces non caben todos», admitiu o alcalde para referirse ao saturado parque do centro histórico.

López Orozco destacou que a apertura deste espazo foi posible pola cesión de terreos por parte de veciños, algúns deles presentes no acto, e anunciou que se modificará o Pepri para proceder á compra mediante expropiación das leiras cedidas.

O rexedor explicou que a zona verde estará aberta de 11.00 a 20.00 horas, aínda que se ampliará o horario no verán, mentres que pola noite estará pechada para evitar actos vandálicos. «Agardo que algún día nos deixen pechar o parque Rosalía de Castro, como se fai en todas as cidades», comentou López Orozco para recordar o contencioso que mantén coa Xunta para obter permiso para valar o Parque.

A obra inaugurada onte, que custou 73.300 euros financiados a través do plan Urban, completa outras actuacións como a remodelación da Praza do Cantiño.

Xardíns na Deputación

A inauguración deste novo tramo de rolda interior súmase ao aberto o verán pasado e que comunica a Rúa do Teatro coa Praza de Ferrol, a través dos xardíns traseiros da Deputación, que, segundo o organismo provincial, son agora visitados ao día por unhas 150 persoas, como deportistas, avós cos seus netos, parellas novas ou propietarios de mascotas.

Comentarios