"A tenda é o corazón de Zara"

A revista Ola! reproduce a entrevista de Wall Street Journal a Marta Ortega
undefined
photo_camera Portada do Wall Street Journal. EP

A revista OLA! reproduce esta semana a entrevista que o Wall Street Journal Magazine fixo a finais de agosto a Marta Ortega, herdeira do imperio Inditex. A publicación española dedícalle a súa portada e fai un despregamento de oito páxinas facéndose espello da entrevista que fixera a revista norteamericana, que arrincaba preguntándose polo segredo da compañía de Arteixo para ser unha multinacional.

A reportaxe de Elisa Lipsky Karaz comeza cunha descrición do lugar onde exerce o seu labor a filla de Amancio Ortega: "Ao redor dunha mesa compartida de estilo industrial, con cadeiras giratorias estándar de cor negra. A uns cantos metros de distancia, nesta oficina branca, luminosa e diáfana, situada nos arredores da Coruña, atópase outro escritorio do mesmo estilo e mesmo tipo de cadeira, a que utiliza o seu pai, Amancio Ortega".

Marta Ortega chegou a ese lugar partindo da planta baixa. A empresaria, de 37 anos recorda os seus inicios nun posto de vendas na tenda londiniense de King"s Road tras graduarse na universidade. "A primeira semana de traballo en Zara pensei que non ía sobrevivir, pero logo desenvolves unha especie de adicción á tenda. é o corazón da empresa".

Ese interese lévalle a afirmar que non planea entrar formalmente no liderado da compañía e que preferiría quedar "cerca do produto" para continuar na senda que abriu o seu proxenitor.

A revista presenta a Marta Ortega como unha nai ao uso que deixa aos seus nenos na escola cada mañá para ir á sede da empresa, onde se reúne con altos "mandos da compañía ao redor dunha mesa para analizar os rankings das pezas máis vendidas no mundo". ela ten claro que o segredo da súa compañía reside en deixarse asesorar. "Non se trata dunha persoa facendo un bo traballo. Somos un equipo. O meu pai nunca foi o mellor en nada en particular, pero foi o mellor en atopar á mellor persoa para facer cada cousa .

A empresaria non ten un posto concreto na organigrama. Móstrase próxima ao persoal e remarca que non hai xerarquía na estrutura.

"Obviamente somos unha gran empresa, pero sinto que non é tan grande: non se nada sobre as grandes cifras. Nin sequera queremos falar delas. No noso traballo diario non é algo sobre o que nos preocupemos", agrega.

A empresaria destaca que o principal acerto do seu pai foi rodearse das persoas idóneas para cada posto de traballo

Asegura na entrevista que visita tendas de Zara "case semanalmente" como parte dun labor variado na que "axuda a supervisar deseños de roupa de muller e merchandising, así como xestionar a imaxe da marca", comenta a xornalista do magazine estadounidense.

O diario estadounidense destaca que a empresa non publica anuncios impresos, senón que se apoia nas súas propias tendas e nas redes sociais para as cuestións de mercadotecnia, ao que se suma a compra de propiedades en zonas de luxo e o uso de catálogos "comparables en ton e pedigrí" aos da alta costura.

Para a empresaria coruñesa, o feito de que a sede central de Inditex permaneza tan preto da Coruña "foi parte do éxito da firma" porque ofrece unha perspectiva diferente á que se pode ter ao estar asentado nun lugar onde se acumulan moitas compañías.

Comentarios